A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá no acto de clausura da Feira do Emprego de Galicia EMPREGALIA
A Asociación de Mulleres en Igualdade organiza este evento por segundo ano consecutivo
Vigo, 14 de xuño de 2014.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá no acto de clausura da Feira de Emprego de Galicia (EMPREGALIA), que tivo lugar na estación marítima de Vigo, e no que destacou que segue sendo necesario traballar tanto na formación como na toma de decisións equilibradas e na discriminación positiva para o desenvolvemento profesional das mulleres.
López Abella tamén puntualizou ó respecto que, ademais da formación, tamén é necesario traballar no entorno das empresas e na visibilización das mulleres en postos de responsabilidade para estimular o liderado feminino. Neste sentido, a secretaria xeral de Igualdade afirmou que as mulleres son un piar fundamental na economía e na sociedade.
A secretaria xeral quixo destacar que EMPREGALIA é unha iniciativa útil e necesaria para axudar na mellora da empregabilidade da cidade de Vigo. Recordou tamén que o Goberno galego traballa no fomento de novas actividades que permitan unha transformación máis competitiva, xerando así novas oportunidades de emprego, especialmente para as mulleres.
O acto no que participou López Abella -acompañada pola presidenta da Asociación de Mulleres en Igualdade en Vigo, Mónica Barreras, e a directora xeral para a Igualdade de Oportunidades do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Carmen Plaza - foi o que deu peche a dous días de feira no que acudiron representantes dun total de 33 empresas da comarca en busca de traballadores e traballadoras.
A Feira do Emprego de Galicia EMPREGALIA naceu en abril de 2013 como unha iniciativa para por en contacto as empresas que precisan traballadores e as persoas que buscan traballo.
Este evento, organizado pola Asociación de Mulleres en Igualdade, conta coa participación da Xunta de Galicia, A Deputación de Pontevedra, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade e o Porto de Vigo.