A Xunta aposta pola difusión da figura da matemática e investigadora coruñesa María Wonenburger

López Abella mantivo unha xuntanza con dúas catedráticas da Universidade de Coruña, autoras dun proxecto sobre a figura da científica galega

Santiago, 22 de xuño de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo esta semana unha xuntanza coas catedráticas da Universidade da Coruña, María José Souto Salorio e Ana Dorotea Tarrío Tobar, autoras dun proxecto que ten por obxectivo a difusión da figura de María Josefa Wonenburger, a matemática coruñesa recentemente falecida que foi referente internacional no ámbito das ciencias.

Na xuntanza, as dúas profesoras da UDC presentáronlle a secretaria xeral o seu proxecto sobre a vida e figura da matemática María Josefa Wonenburger, quen desenvolveu toda a súa carreira profesional nos Estados Unidos sendo case descoñecido a súa orixe galega, unha pioneira e referente feminino no ámbito científico.

Xa en 2006, estas dúas profesoras publicaron unha serie extensa de traballos de divulgación sobre a prestixiosa investigarora galega, coincidindo coa publicación da súa biografía na revista La Gaceta de la Real Sociedad Española de Matemáticas. Posteriormente, realizáronse unha serie de recoñecementos a súa figura, entre os que se atopa a creación do Premio María Josefa Wonenburger Planells da Xunta de Galicia. Dito premio foi creado para resaltar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía, un compromiso asumido por parte do Goberno galego dende a Secretaría Xeral da Igualdade.

Dende a creación do Premio María Josefa Wonenburger Planells en 2006, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que dedican a súa vida profesional a algún campo específico da ciencia ou da tecnoloxía. Entre elas, destaca no ámbito da Física a catedrática da Universidade de Santiago de Compostela, Inmaculada Paz, Marisol Soengas, directora do Grupo de Melanoma do Centro de Investigación Oncolóxica ou a catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica e última galardoada, María José Alonso Fernández, responsable do laboratorio de nano biofármacos no centro de investigación CIMUS da USC.

María Wonenburger naceu en Oleiros e estudou Ciencias Exactas na Universidade Complutense de Madrid. En 1953, trasladouse a Estados Unidos para se especializar en álxebra cunha bolsa Fulbright. Na Universidade de Yale, leu a tese de doutoramento, dirixida por Nathan Jacobson, un dos mellores alxebristas do momento e iniciou unha brillante traxectoria nesta materia como profesora en diferentes universidades –Toronto, Búfalo, Bloomington (Indiana) – e como directora de teses, entre elas a do matemático Robert V. Moody, en 1966. Da súa man, Moody iniciou na súa tese a teoría coñecida como Álxebras de Kac-Moody, unha das teorías de álxebra máis revolucionarias dos últimos tempos, con aplicacións en Física e noutros campos das Matemáticas.