A Xunta aposta pola coeducación para previr actitudes e estereotipos sexistas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou en Ourense as “XV Xornadas de Nais e Pais, educar en igualdade: Coeducación e prevención da violencia de xénero desde as familias”

  • La última cita de las XV Xornadas de madres y padres: educar en igualdad, se celebró en la Delegación Territorial de la Xunta en Ourense tras visitar varias ciudades gallegas
  • Un momento de las XV Xornadas de madres y padres: educar en igualdad, en Ourense

Ourense, 8 de xuño de 2019.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá en Ourense as XV Xornadas de Nais e Pais, educar en igualdade: Coeducación e prevención da violencia de xénero desde as familias, que se están a celebrar en todas as provincias galegas.

López Abella defendeu a importancia da coeducación para acometer un cambio profundo nas actitudes e estereotipos sexistas que aínda persisten na sociedade e que, en consecuencia, seguen perpetuando as desigualdades.

De feito, nos últimos estudos realizados por institutos de investigación dependentes das administracións públicas ponse de manifesto que as relacións entre rapazas e rapaces seguen a ser asimétricas, detectándose numerosas situacións de violencia.

De aí a importancia de que as administracións sigan poñendo en marcha todos os recursos preventivos posibles, entre os que a educación é un factor fundamental. A secretaria xeral tamén destacou a relevancia de xornadas como as de hoxe en Ourense, que teñen como obxectivo concienciar e divulgar un modelo de ensinanza libre de prexuízos e estereotipos.

Entre as iniciativas postas en marcha polo Goberno galego, destacou o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020 que sirve de referente a todos os centros educativos co fin de abordar a temática da coeducación e a prevención da violencia de xénero, dirixido a alumnado, profesorado e equipos de orientación.

Ademais, a finais do mes de maio publicouse a orde das axudas destinadas a financiar actividades de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero, financiadas con 300.000 € en desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, para as asociacións de nais e pais do alumnado de centros educativos de Galicia.