A Xunta apoiará a posta en marcha e a mellora de 161 iniciativas empresariais constituídas por mulleres

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas do Programa Emega, destinadas a fomentar o emprendemento feminino

Esta iniciativa permitiu a creación de 226 novos empregos e o mantemento doutros 10 postos de traballo

Entre as beneficiarias hai negocios de asesorías e consultaría, hostalaría, comercios, formación ou servizos sociosanitarios

Multimedia

A Xunta apoiará a posta en marcha e a mellora de 161 iniciativas empresariais constituídas por mulleres

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2019Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución das axudas do Programa Emega, das que se beneficiaron 161 iniciativas empresariais lideradas por mulleres. Este ano a Xunta destinou a esta iniciativa 1,7 millóns de euros, o dobre que o ano pasado, cofinanciados polo Fondo Social Europeo. Ademais, esta convocatoria permitiu a creación de 226 novos empregos, dos que 180 son por conta propia, e 46 son postos creados por conta allea; no tocante ao mantemento, son 6 postos por conta propia e 4 por conta allea (10 postos de traballo que se manteñen coas axudas da liña Activa).

O 95% das concesións, 153 do total de 161, destináronse a liña “Emprende” do Programa Emega, destinada a promoción da posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a crear emprego por conta propia e allea. Tamén recibiron axudas seis solicitantes da liña "Activa" coa que se busca favorecer a reactivación e a consolidación de proxectos empresariais a través de medidas de renovación, ampliación ou cambio de localización co obxectivo de paliar unha situación económica adversa. Este ano houbo dúas beneficiarias que optaron á liña “ITEF” destas axudas, que incentiva iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres. A convocatoria tamén ofrece a posibilidade de optar á liña "Innova" coa que se busca favorecer a implantación de medidas innovadoras co obxectivo de mellorar a competitividade das empresas constituídas por mulleres.

O Programa Emega establece a maiores, axudas complementarias ás anteriores denominadas “Concilia” e dirixidas a impulsar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, da que resultaron beneficiadas nesta convocatoria 17 empresas. Na modalidade Concilia-promotoras, que incentiva a entidades das que formen parte algunha promotora con fillas ou fillos menores de tres anos, concedéronse 13 axudas. As catro restantes destináronse á liña Concilia-persoas traballadoras por conta allea para empresas que, ou ben formalizaron un contrato para o persoal asalariado para implantar novos sistemas de organización de traballo que favorezan a conciliación e a corresponsabilidade, ou que asinaron acordos de teletraballo co persoal.