A Xunta apoia a visibilización das mulleres migrantes a través dunha mostra inaugurada en Santiago de Compostela por Médicos do Mundo

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiou a mostra grazas aos fondos que Galicia xestiona no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou a mostra e puxo en valor o I Plan Galego contra a Trata, deseñado en colaboración con 12 entidades, e que destinará 7M€ ata 2024 para avanzar na erradicación desta lacra

  • A Xunta apoia a visibilización das mulleres migrantes a través dunha mostra inaugurada en Santiago de Compostela por Médicos do Mundo
  • A Xunta apoia a visibilización das mulleres migrantes a través dunha mostra inaugurada en Santiago de Compostela por Médicos do Mundo

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2023.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na inauguración da exposición Elas (tamén) migran, razóns e violencias da viaxe eterna de Mesoamérica, organizada por Médicos do Mundo e financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero xestionados pola Xunta que desde hoxe se pode visitar no Museo do Pobo Galego.

A exposición está integrada por fotografías e textos dos fotoxornalistas Fred Ramos e Víctor Peña, do xornal dixital El Faro do Salvador, que durante 6 meses seguiron a vida de mulleres marcadas pola migración no Salvador, Guatemala, Honduras e México con todas as dificultades coas que realizaron o seu percorrido cara ao norte, sen papeis, fuxindo de violencias e buscando unha vida mellor.

López Abella lembrou que iniciativas como esta son posibles grazas á colaboración entre o Goberno autonómico e as entidades. Neste caso concreto, especificou, destináronse cartos que corresponden a Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, ao eido da cooperación internacional, para promover medidas específicas contra a violencia machista, que sensibilicen da situación de vulnerabilidade de mulleres e menores de idade afectados pola migracións, durante o tránsito e no destino.

“Exposicións como esta permiten coñecer e visibilizar o traballo da entidade e a realidade que viven moitas mulleres no mundo”, asegurou López Abella.

Médicos do Mundo é unha das 12 entidades que fixeron aportacións, a través do proceso participativo, ao I Plan Galego contra a Trata do que dispón a comunidade, un “documento estratéxico” que, como indicou a secretaria xeral, pretende “dar resposta integral e coordinada ás vítimas de trata, principalmente mulleres e nenas”. Este documento, lembrou, terá vixencia durante tres anos (2022-2024) e suporá un investimento de 7 millóns de euros para reforzar a loita contra esta forma de explotación.

“O Plan naceu para artellar políticas transversais que contribúan á erradicación da trata e para fornecer os recursos de atención integral ás vítimas”, especificou López Abella, quen afirmou que os recursos se xestionarán en colaboración coa Rede Galega contra a Trata, coas entidades especializadas, que como Médicos do Mundo “teñen contacto diario con todas esas mulleres e coñecen de preto as súas necesidades e inquietudes”.