A Xunta apoia un programa de atención integral á saúde das mulleres cun total de 50 beneficiarias en Lugo e Verín

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, Cáritas de Lugo, que desenvolve un programa para mulleres en situación de vulnerabilidade

A Xunta destina este ano 31.500 euros ao programa de Cáritas Lugo para a atención das necesidades sociais, laborais e económicas de mulleres en risco de exclusión

López Abella sinalou a importancia de reforzar a atención ás traballadoras de sectores con gran presenza feminina, os máis afectados pola covid-19

A Xunta apoia este ano 30 programas de entidades sociais para o empoderamento da muller, a loita contra a violencia de xénero e a promoción da saúde

Multimedia

 A Xunta apoia un programa de atención integral á saúde das mulleres cun total de 50 beneficiarias en Lugo e Verín

Lugo, 23 de marzo de 2021.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, coñeceu hoxe de primeira man na sede de Cáritas de Lugo o programa de saúde integral que esta entidade desenvolve con apoio da Xunta de Galicia -que destina na anualidade 31.502 euros ao mesmo- para mellorar a calidade de vida das mulleres en situación de especial vulnerabilidade ou en risco de exclusión nesta área diocesana luguesa e na comarca ourensana de Verín.

Este programa, que a entidade mantén activo ata o 31 de decembro de 2021, está a chegar a medio centenar de persoas, con especial atención a mulleres en situación de vulnerabilidade: persoas con baixa cualificación ou escasa ou nula experiencia laboral; con problemas de saúde e difícil acceso aos recursos sanitarios; minorías étnicas; con cargas familiares e escasos recursos económicos; ou mulleres en situación de desigualdade, en exclusión social ou en risco de padecela.

Tal e como destacou López Abella, a emerxencia sanitaria derivada da covid-19 tivo o seu impacto específico nas mulleres, facendo, nalgúns casos, aínda máis grandes as desigualdades por causa de xénero. De aí que a Xunta estea a reforzar e apoiar as iniciativas que traballan en directo coas mulleres para axudalas a abandonar a súa situación de risco, e favorecer a inclusión no eido laboral, social e económico.

As vulnerabilidades das mulleres da diócese de Lugo e da comarca de Verín, coas que traballa Cáritas, emanan principalmente dos roles de coidadoras, de pertenza a minorías étnicas, da discapacidade, do exercicio da prostitución marxinal, do non recoñecemento social, do illamento ou sa violencia de xénero. Como constatou a secretaria xeral da Igualdade, todas estas situacións se viron agravadas pola pandemia. Así, se incrementou a carga de traballo relacionada co coidado e se están a detectar peores condicións laborais. Precisamente tal e como teñe constatado a Consellería de Emprego e Igualdade, en consonancia coas previsións da Organización Internacional do Traballo (OIT), son os sectores do comercio, a hostalería e os servizos, cunha importante presenza de mulleres, os que están a padecer máis as consecuencias da pandemia.

Empoderamento feminino e loita contra a violencia

Incluíndo o de Cáritas, a Xunta está a apoiar este ano cuns 625.000 euros, trinta programas de entidades sociais para o empoderamento da muller e contra a violencia de xénero. As axudas, con cargo ao 0,7% do IRPF, permiten a realización de actuacións de interese xeral para fins sociais. Entre as propostas que reciben apoio destacan iniciativas de capacitación laboral e participación activa de mulleres no ámbito rural.

A Xunta financia con ata 56.000 euros os programas propostos por entidades sociais que, na actual convocatoria, prestan atención especial a cuestións de saúde, ás mulleres con discapacidade, á loita contra a violencia e á prevención da trata.

Cerca do 28% das axudas concedidas diríxense a apoiar programas de educación e á promoción da saúde integral da muller. Un 15% está destinado ao ámbito rural, con propostas de capacitación para mulleres xordas deses núcleos, de promoción do autoemprego e de potenciación do empoderamento e a participación activa das mulleres rurais de Galicia.

Entre as organizacións beneficiarias na convocatoria, atópanse algunhas das principais entidades representativas das persoas con discapacidade en Galicia ou que traballan con mulleres en risco de exclusión social, migrantes, mulleres rurais e institucións que promoven o empoderamento e a inserción laboral feminina.

A Xunta apoia deste modo a trinta entidades con cadansúas propostas cun eixo común: contribuír nos seus respectivos ámbitos á loita pola igualdade de oportunidades.