A Xunta apoia incrementar a atención ás vítimas de violencia de xénero no rural e potenciar a súa inserción laboral

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á clausura dunha xornada sobre violencia de xénero no rural organizada pola Asociación para o Desenvolvemento Rural da comarca de Lugo

O acordo entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería do Medio Rural para desenvolver medidas do Pacto de Estado inclúe campañas de prevención, formación e sensibilización nas zonas rurais e un programa para a contratación de vítimas desta lacra en empresas forestais e agrogandeiras

  • A Xunta apoia incrementar a atención ás vítimas de violencia de xénero no rural e potenciar a súa inserción laboral
  • A Xunta apoia incrementar a atención ás vítimas de violencia de xénero no rural e potenciar a súa inserción laboral
  • A Xunta apoia incrementar a atención ás vítimas de violencia de xénero no rural e potenciar a súa inserción laboral

Lugo, 6 de novembro de 2019. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, incidiu hoxe en potenciar a atención ás vítimas de violencia de xénero nas zonas rurais, así como favorecer a súa inserción socio-laboral. Trátase de dous dos obxectivos que recolle o acordo entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería do Medio Rural para desenvolver as medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero neste ámbito.

López Abella participou hoxe na clausura da Xornada sobre a violencia de xénero no medio rural e os seus protocolos de actuación organizada pola Asociación para o Desenvolvemento Rural da Comarca de Lugo. Na súa intervención lembrou que o acordo coa Consellería do Medio Rural inclúe a posta en marcha de campañas sobre a detección e a prevención da violencia de xénero e accións de formación e sensibilización sobre esta lacra dirixidas á poboación das áreas rurais a través dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural.

O convenio entre ambos departamentos autonómicos recolle ademais a implantación dun programa para fomentar a contratación en empresas ou entidades forestais e agrogandeiras de mulleres que sufriran violencia de xénero.

A Secretaría Xeral da Igualdade contribúe á loita contra a violencia machista no rural a través de convenios coa Federación de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro) e este ano tamén coa Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao. Mediante estes acordos levaranse a cabo accións de sensibilización e formación e de apoio ás vítimas e aos seus fillos e fillas.

O Goberno galego apoia ademais aos concellos para a posta en marcha de programas sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres, así como para o fomento da contratación laboral das vítimas tanto a través das entidades locais como das organizacións sen ánimo de lucro.

A secretaria xeral da Igualdade recordou que o rural galego conta ademais con recursos á disposición das vítimas como unha rede de 82 de Centros de Información á Muller (CIM), onde se lles facilita apoio xurídico e psicolóxico.