A Xunta apoia cun máximo de 70.000 euros ás entidades que desenvolvan proxectos de atención integral dirixidos a vítimas de explotación sexual

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para 2022 destas axudas destinadas ás entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que se poderán solicitar desde mañá e ao longo dun mes

Financiaranse programas que inclúan, entre outros, axuda psicolóxica, orientación laboral e xurídica e traballo de rúa para localizar ás vítimas e ofrecerlles apoio

A iniciativa busca dar cobertura ás persoas cuxa situación se viu agravada a causa da pandemia

Multimedia

 A Xunta apoia cun máximo de 70.000 euros ás entidades que desenvolvan proxectos de atención integral dirixidos a vítimas de explotación sexual

Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para 2022 destinada a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que desenvolvan proxectos de atención social integral dirixidos a persoas en situación de explotación sexual preferentemente inmigrantes e/ ou vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou laboral. As axudas contan cunha dotación de 450.000 euros e poden solicitarse no prazo dun mes a contar desde mañá. Cada entidade poderá recibir como máximo 70.000 euros. Obterán maior puntuación as entidades que dispoñan de recursos de acollemento residencial temporal.

Este ano as axudas cobran especial relevancia para dar cobertura á necesidade de apoiar a recuperación e a integración social e laboral destas persoas cuxa situación se viu agravada como consecuencia da pandemia.

As iniciativas financiadas inclúen accións de atención inicial nos chamamentos realizados polas autoridades xudiciais, fiscais e policiais para a atención inmediata destas vítimas; asesoramento social e actuacións de apoio directo para realizar trámites administrativos; atención psicolóxica; orientación e asesoramento xurídico e laboral; así como programas de atención en traballo de rúa, coa finalidade de achegar aos lugares onde poden atoparse vítimas de trata de seres humanos para ofrecerlles información sobre os recursos existentes.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas nesta convocatoria, as entidades de iniciativa social que estean inscritas na área de igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, carezan de ánimo de lucro e teñan o seu domicilio social ou delegación en Galicia.

Desde 2016 a Xunta permitiu atender a máis de 3.600 persoas grazas a estes apoios a entidades que traballan na atención directa a vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou laboral. O ano pasado resultaron beneficiarias un total de nove entidades que atenderon a 626 persoas.