A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe reunións coas representantes destes colectivos que recibiron o pasado ano 40.000 euros cada un para o desenvolvemento de recursos integrais específicos dirixidos ás mulleres para promover a súa autonomía económica e afectiva
O programa autonómico de axudas dirixido a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas enfocados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade conta para 2022 con 1,4 millóns de orzamento
Os apoios poden solicitarse ata o próximo 18 de febreiro
Na convocatoria de 2022, como novidade, permitirase a compatibilidade destas axudas con outras que reciban as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro
Labregas, a través do programa que desenvolve para apoiar ás mulleres rurais, informa sobre os recursos públicos existentes que están dirixidos principalmente á atención de persoas en situación ou en risco de exclusión social; presta asesoramento sobre os dereitos sociais e os medios existentes para facelos efectivos; e realiza actividades de formación e información para o fomento e a consolidación do emprego e do autoemprego feminino e para fomentar un emprego intelixente, sostible e integrador.
Así mesmo, Labregas traballa para axudar a paliar a fenda dixital, realiza obradoiros de autoestima e imparte formación en igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero, ao tempo que trata de detectar situacións de violencia doméstica para a súa posterior derivación ao servizo correspondente.
Pola súa banda, Punto Delas, entre outros, potencia o desenvolvemento de políticas de igualdade e loita contra a violencia de xénero sensibilizando sobre esta lacra social; apoia a busca de emprego e fomenta o autoemprego; defende o empoderamento das mulleres labregas proporcionando formación adaptada á súa actividade laboral, agrícola ou complementaria con métodos de produción sostibles encamiñados a obter unha remuneración axeitada; apoia a revitalización do medio rural e intenta crear as condicións axeitadas para o mantemento das mulleres no rural.