A Xunta apoia á asociación de diagnosticadas de cancro de mama con axudas que superan os 46.000 euros

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou hoxe en Cangas a sede da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (ADICAM)

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron esta mañá a sede da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron esta mañá a sede da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama

Santiago de Compostela, 18 de maio de 2018.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron esta mañá a sede da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama (ADICAM), que nos últimos anos recibiu axudas por parte do Goberno galego de máis de 46.000 euros.

Segundo explicou López Abella, ADICAM como asociación de diagnosticadas de cancro de mama, non só centra o seu labor e os seus esforzos nas mulleres diagnosticadas e nas súas familias, senón que o seu traballo se traslada ás mulleres, sobre todo da comarca do Morrazo, xa que moitas delas encóntranse en situación de vulnerabilidade, por diversos motivos e factores, repercutindo moitas veces nas súas familias e nos máis pequenos/as da casa; por ser elas o referente a nivel económico e a nivel educacional.

A Asociación ten coma obxectivos dar apoio emocional, orientación e asesoramento ás persoas afectadas de tumor mamario e ás súas familias, favorecer unha mellor calidade de vida e de saúde dende a enfermidade; promover unha estreita solidariedade entre as mulleres afectadas; fomentar o desenvolvemento e crecemento persoal ademais de ofrecer información á poboación en xeral sobre o cancro de mama e a importancia da detección precoz

A Secretaría Xeral da Igualdade colabora coa Asociación ADICAM a través das axudas para fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres e as axudas a entidades de iniciativa social para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade. A través desta última orde de axudas subvenciona o Programa de empoderamento destinado ás mulleres que se atopen en situación de vulnerabilidade, para poder dotar ás mulleres das habilidades e capacidades necesarias para empoderarse e afrontar a situación de dobre discriminación e de vulnerabilidade; axustándose a realidade e tendo en conta as características específicas de cada situación; prestando atención o impacto de xénero das actuacións que se van a levar, sendo elas participes da Intervención.

18 anos de traballo

ADICAM naceu en Cangas no ano 2000 coa finalidade de fomentar o desenvolvemento do apoio social e a axuda mutua para conseguir que as mulleres afectadas polo cancro de mama teñan unha mellor calidade de vida e benestar. O seu traballo xira ao redor de tres áreas fundamentais: información e sensibilización, asistencial e prevención.

Tema: