A Xunta apela á implicación dos profesionais da comunicación e da publicidade para loitar contra a violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na inauguración do 1º Congreso Atlántico de marketing dixital FLÚOR.

Multimedia

Susana Abella, Secretaria da Igualdade, inaugurou o Congreso Atlántico de Marketing Dixital, Flúor

Pontevedra, 13 de xuño de 2019.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, apelou hoxe a implicación dos profesionais da comunicación e da publicidade para loitar contra a violencia de xénero e os estereotipos.

Así o sinalou hoxe durante a súa participación na inauguración do 1º Congreso Atlántico de marketing dixital FLÚOR, que se celebrará hoxe e mañá na cidade de Pontevedra e que conta co apoio da Xunta. O Congreso reunirá a máis de 400 profesionais e incluirá actividades centradas no xénero e na diversidade.

Ao respecto, López Abella destacou que os medios de comunicación constitúen unha ferramenta de cambio social fundamental para promover unha imaxe igualitaria e non estereotipada, así como para loitar contra a violencia de xénero e concienciar á sociedade sobre esta lacra.

Na súa intervención, apelou á responsabilidade de todos os axentes que interveñen na comunicación deste tipo de casos ou na elaboración de contidos publicitarios. Neste sentido, recordou que a Xunta elaborou e difundiu en 2014 un Código de boas prácticas para o tratamento axeitado da violencia de xénero nos medios de comunicación e que en 2017 presentouse o díptico Indicacións para detectar o sexismo na publicidade, dentro das competencias da Comisión asesora de publicidade non sexista, órgano dependente do Observatorio Galego de Violencia de Xénero que ofrece criterios alternativos para construír mensaxes publicitarias máis igualitarias.