A Xunta anima aos concellos de Pontevedra a solicitar as axudas para a promoción da igualdade

As axudas, dotadas este ano con máis de 4,2 millóns de euros, destínanse a programas de fomento da conciliación; prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e para apoio aos centros de información ás mulleres (CIM)

  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en Pontevedra a orde de axudas do Goberno galego
  • A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en Pontevedra a orde de axudas do Goberno galego

Pontevedra, 21 de xuño de 2017.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe en Pontevedra a orde de axudas do Goberno galego para o desenvolvemento de programas de fomento da conciliación; de prevención e tratamento integral da violencia de xénero; e de apoio aos centros de información ás mulleres.

Estas axudas contan cun orzamento este ano de máis de 4,2 millóns de euros- cofinanciados nun 80% polo Fondo Social Europeo- e están dirixidas a concellos, consorcios, mancomunidades ou agrupación ou asociacións de concellos. Os concellos da provincia de Pontevedra recibiron un total de 1,3 millóns de euros ao abeiro da convocatoria anterior destas subvencións.

A primeira da liña de axudas é o programa de fomento da conciliación, que permitirá aos tomar medidas para para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas traballadoras. Conta cun orzamento total que supera os 494.000 euros. A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 12.000 euros no caso de solicitude individual, e ata 22.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

A segunda liña de axudas está destinada ao programa de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, grazas á cal as entidades locais poderán subvencionar accións de intervención de carácter integral coas mulleres vítimas de violencia de xénero, coas súas fillas e fillos, así como coas persoas delas dependentes e actuacións dirixidas á loita contra a explotación sexual en xeral e a prostitución en particular. O orzamento desta liña de axudas é de 352.000 euros, e a contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 10.000 euros no caso dunha solicitude individual, e ata 20.000 euros se é unha solicitude conxunta de varios concellos.

A terceira liña de axudas é o programa de apoio aos Centros de Informacións á Muller (CIM). Co obxectivo de reforzar a funcionalidade dos CIM e consolidar os postos e o perfil profesional das persoas que prestan servizos neles, o goberno galego subvenciona as prazas para persoal funcionario, laboral fixo ou indefinido para prestar servizos no CIM de a atención a mulleres en situación de vulnerabilidade; e a contratación laboral temporal ou mercantil de profesionais para a prestación dos servizos de asesoramento xurídico ou de atención psicolóxica, así como para levar a cabo as funcións de axentes de igualdade ou de fomento do traballo en rede e de dinamización do territorio con enfoque de xénero.

A contía máxima que pode recibir unha entidade local por este programa é de 45.000 euros no caso dunha solicitude individual e ata 120.000 euros no caso dunha solicitude conxunta. Conta cun orzamento de 3,4 millóns de euros.

Tema: