A Xunta anima aos 219 concellos que forman parte da rede contra a violencia de xénero a constituír mesas de coordinación local para loitar contra esta lacra

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu hoxe á xuntanza da mesa de coordinación de Soutomaior, na que destacou a capacidade destes órganos para dar resposta áxil ás vítimas e optimizar o uso dos recursos dos que dispoñen

Informou das axudas económicas que a Xunta pon ao dispor das vítimas, tanto de carácter periódico como único, para que poidan rachar coa situación de dependencia dos seus agresores

  • A Xunta anima aos 219 concellos que forman parte da rede contra a violencia de xénero a constituír mesas de coordinación local para loitar contra esta lacra
  • A Xunta anima aos 219 concellos que forman parte da rede contra a violencia de xénero a constituír mesas de coordinación local para loitar contra esta lacra
  • A Xunta anima aos 219 concellos que forman parte da rede contra a violencia de xénero a constituír mesas de coordinación local para loitar contra esta lacra

Soutomaior (Pontevedra), 31 de maio de 2022.-

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe nunha nova xuntanza da mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero do Concello de Soutomaior (Pontevedra), que se celebrou no Multiusos de Arcade, e onde destacou a relevancia do compromiso das entidades locais en favor da igualdade e na loita contra a violencia de xénero a través destes órganos.

O traballo das mesas, valorizou López Abella, resulta fundamental para promover no eido municipal medidas, políticas e actuacións para a detección precoz desta lacra. Tamén para a sensibilización da veciñanza e para dar resposta áxil ás vítimas.

Parte do éxito destas ferramentas radica no seu carácter transversal, ao integrar no eido local a axentes do ámbito educativo, sanitario, aos servizos sociais e aos corpos de seguridade para crear redes de traballo que permitan coordinar as actuacións fronte á violencia de xénero.

As mesas de coordinación contra a violencia de xénero son exemplo de que a colaboración entre administracións garante a eficacia dos recursos destinados ás vítimas, especificou a secretaria xeral. Nestes órganos locais están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero.

É obxectivo da Xunta intensificar o traballo das mesas nos concellos que xa están constituídas e axudar á súa creación naqueles municipios nos que aínda non existen. Para favorecelas, a Secretaría Xeral da Igualdade pon ao dispor na súa páxina web cadanseus manuais de apoio, unha guía de carácter práctico para a constitución das mesas locais de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero; e unha segunda guía dirixida á dinamización dos órganos existentes.

A posibilidade de dispor de mesas de coordinación destas características está aberta aos 219 municipios que integran a Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, creada en 2012 no marco dun protocolo de colaboración asinado pola Xunta e a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp). A través dela, o Goberno galego ofrece programas de sensibilización social en contra desta lacra. En 2021 a Secretaría Xeral da Igualdade desenvolveu actuacións en 172 entidades locais: 65 na provincia da Coruña; 33 en Lugo; e 37 en Ourense e Pontevedra.

Apoios á loita contra a violencia

A secretaria xeral, aproveitou a ocasión para lembrar algunhas das liñas que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ten activadas xa nesta primeira metade do ano. Como os apoios ao asociacionismo e a participación das mulleres, co prazo de solicitude aberto ata o próximo 9 de xuño, e que teñen por propósito “fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e calidade de vida das mulleres galegas”, indicou. O ano pasado chegaron a 93 entidades que levaron a cabo 200 actuacións en 109 concellos, nas que participaron 16.300 mulleres e 2.900 homes. 

A Xunta vén de incrementar nun 22% o orzamento que en 2022 destina á loita contra a violencia de xénero. Con eses 17,9 millóns de está a manter e reforzar recursos, servizos e prestacións económicas xa existentes. Como lembrou a secretaria xeral, en 2021 o seu departamento concedeu cerca de 1.000 axudas económicas ás mulleres vítimas, para “garantirlles condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor”.

Así afirmou que Galicia é comunidade é referente por dispoñer dunha axuda económica mensual e ininterrompida todo o ano e que conta ademais con apoios de pago único -para axudar a mulleres con especiais dificultades para a busca de emprego- e de indemnización -para garantir que as vítimas perciban os pagamentos cando correspondan por sentenza-.

A secretaria xeral, por último, incidiu en que a Xunta ofrece axudas ás orfas e orfos da violencia de xénero ata os 30 anos e ás mulleres que resultan gravemente feridas nas agresións. A comunidade é punta de lanza ademais no acompañamento e asesoramento aos orfos ata 30 anos e a quen ostenta a patria potestade, garda, custodia ou acollemento dos menores de 18 anos, asumindo os custos das xestións que teñan que realizar, mediante convenios subscritos cos colexios profesionais de graduados Sociais, xestores administrativos, educadores sociais e auditores sociolaborais.