A Xunta analiza nun informe a situación das mulleres no sector audiovisual e das artes escénicas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo, presentaron este informe, realizado en colaboración co Consello da Cultura Galega

En ambos sectores detéctase unha maior discriminación por idade cara ás mulleres, unha maior presenza nos postos de poder dos homes, e obstáculos para a conciliación

O estudo tamén detecta que nos últimos tempos se están a rexistrar cambios positivos para corrixir a desigualdade entre xéneros

Multimedia

A Xunta analiza nun informe a situación das mulleres no sector audiovisual e das artes escénicas

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2019. A Xunta vén de presentar un informe no que se analiza a situación das mulleres no sector do audiovisual e das artes escénicas en Galicia. Este estudo é froito dun convenio asinado entre a Vicepresidencia, a Consellería de Cultura e Turismo e o Consello da Cultura Galega que dá resposta a unha demanda das principais asociacións vinculadas ao sector escénico.

No acto de presentación participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella; o director xeral de Políticas Culturais, Anxo M. Lorenzo; e a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. Tamén tomaron parte a secretaria do Consello, Dolores Vilavedra, e o técnico do Observatorio da Cultura Galega, Hakan Casares. Así mesmo, asistiu o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

A finalidade do informe é analizar as principais características do emprego, en relación á súa estabilidade laboral, tempo traballado ou salarios; e estudar como discorre a vida laboral das mulleres en ambos sectores. Trátase do primeiro estudo que analiza en Galicia a situación sociolaboral da muller no ámbito das artes escénicas e no audiovisual e un dos poucos elaborados en toda España que aborda este aspecto.

En Galicia, os profesionais que traballan no sector audiovisual e das artes escénicas están conformados por un 42% de mulleres e un 58% de homes.

Segundo os datos recollidos no informe, detéctase en ambos sectores que as mulleres padecen unha maior discriminación pola idade; que os postos de mando seguen sendo maioritariamente masculinos; que existen obstáculos para a conciliación da vida laboral e persoal; e que aínda persisten certas actitudes de acoso cara ás mulleres.

Así, por exemplo, detéctase unha maior tendencia a contratar mulleres novas (o número de primeiras afiliacións realizadas aos menores de 30 son máis frecuentas nas mulleres -70%-, que de homes -61,6%-). Ademais, a presenza de mulleres vaise reducindo a medida que teñen máis idade e, pasados os 45 anos, chega a unha descompensación de arredor de 25 puntos.

Todas as profesionais entrevistadas manifestaron que existen diferenzas entre sexos á hora de acceder a un emprego. Por exemplo, as historias adoitan xirar arredor dun protagonista masculino, aínda que esta é unha tendencia que está comezando a mudar. En consecuencia, os papeis das mulleres son máis breves e de menor categoría. Isto supón unha maior experiencia laboral dos homes que, a súa vez, permite que teñan máis oportunidades e un acceso máis fácil a postos de poder. O mesmo sucede no sector audiovisual, onde moitas profesións, especialmente as máis técnicas, aínda están moi masculinizadas, polo que de novo volven ser os homes os que conseguen acceder a máis postos de mando no sector.

En canto á conciliación, moitas mulleres das artes escénicas manifestan que tiveron que renunciar a proxectos ou ben se viron forzadas a incorporarse antes de tempo polas dificultades que pode implicar quedarse fóra dos circuítos. No ámbito audiovisual, as mulleres tamén denuncian a falta de conciliación como unha barreira, que chega a ser un factor para renunciar a ascensos.

Xa en referencia ao acoso ou á discriminación, as mulleres de ambos sectores denuncian principalmente comportamentos machistas ou paternalistas, desprezo, sexualización ou misoxinia.

Con todo, hai que ter en conta tamén que a tendencia xeral que se extrae da análise cualitativa e cuantitativa é que se están a producir cambios e que son positivos. Aínda que queda por confirmar se estas transformacións son ou non definitivas, é seguro que se tomou conciencia das desigualdades entre xéneros nos sectores das artes escénicas e do audiovisual, dous eidos estratéxicos polo poder do seu discurso e de creación do imaxinario que teñen.

Ademais, estes resultados amosan un punto de partida de cara á próximas intervencións e liñas de actuación por parte do Goberno galego co fin de mellorar a situación das mulleres en diálogo coas principais entidades e asociacións do sector.

Elaboración do informe

Para elaborar esta análise, analizáronse estudos sobre o ámbito laboral da cultura con perspectiva de xénero nos contexto estatal e autonómico; a mostra continua de vidas laborais, do Instituto Nacional de Estatísticas; e realizáronse entrevistas a profesionais dos sectores.

Tema: