A Xunta amplía o orzamento destinado a financiar programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe esta ampliación de crédito de algo máis de 24.000 euros para atender a toda as solicitudes

Trátase da segunda vez que se incrementa o orzamento desta convocatoria, que xa se ampliara en maio en 122.000 euros

En total, a Xunta destina a este fin máis de 1,4 millóns de euros

Multimedia

 A Xunta amplía o orzamento destinado a financiar programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2020.-

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se amplía en algo máis de 24.000 euros o orzamento da convocatoria de axudas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para que desenvolvan programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, co obxectivo de atender a todas as solicitudes presentadas.

Trátase da segunda ampliación que se fai desta convocatoria. En maio xa se incrementara o crédito destinado a este fin en algo máis de 122.000 euros. Tras estas dúas ampliacións, a convocatoria ten un orzamento de máis de 1,4 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo.

Esta segunda ampliación destinarase para financiar aqueles proxectos que quedaran en lista de espera, e seguindo a orde de puntuación. Isto é, non se abre ningún novo prazo de presentación de solicitudes.

Cómpre lembrar que na primeira resolución da convocatoria, que se publicou en xuño tras a primeira ampliación de crédito, resultaron beneficiarias un total de 69 entidades.

Os programas que se financian poden ser de dous tipos: de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de 3 anos e en situación de especial vulnerabilidade; e de atención especializada a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, pertencentes a un ou varios colectivos.

Estas actuacións inclúen, entre outros recursos, servizos de orientación e información, atención psicolóxica, asesoramento xurídico, mediación intercultural e/ou familiar, apoio e orientación laboral, ou actividades para adquisición de habilidades persoais e sociais básicas.

Con estas axudas, o Goberno galego pretende fomentar a igualdade de oportunidades para contribuír a reducir a dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade, e para dotalas dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación laboral, social e persoal.

Teñen a consideración de mulleres en situación de especial vulnerabilidade, entre outras, as vítimas de violencia de xénero; inmigrantes, emigrantes ou refuxiadas; pertencentes a minorías étnicas; dependentes do consumo de substancia tóxicas; perceptoras de rendas de integración, subsidios ou prestacións; reclusas ou ex-reclusas; transexuais ou con conflitos de identidade de sexo; con discapacidade ou enfermidade mental; maiores ou viúvas; sen fogar; ou desempregadas de longa duración.