A Xunta amplía o orzamento das axudas periódicas ás vítimas da violencia de xénero para atender todas as solicitudes que se reciban ata finais de ano

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o incremento orzamentario desta convocatoria en preto de 200.000 euros

Galicia é a única comunidade autónoma que ofrece estes apoios individuais mensuais que resultan fundamentais para que as mulleres avancen no camiño da súa recuperación

A contía destas axudas oscilan entre os 200 e 800 euros mensuais, que teñen por obxecto que as mulleres gañen independencia económica dos seus agresores e consigan saír da situación de perigo

A Consellería de Emprego e Igualdade investiu en 2021, ata o de agora, máis de 4,8 millóns de euros nesta iniciativa, o que permitiu apoiar a 465 vítimas de violencia de xénero

Multimedia

 A Xunta amplía o orzamento das axudas periódicas ás vítimas da violencia de xénero para atender todas as solicitudes que se reciban ata finais de ano

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021.-

A Xunta vén de ampliar o crédito orzamentario das axudas periódicas ás vítimas da violencia de xénero en 195.648,55 euros para seguir atendendo todas as solicitudes que se aproben ata finais de ano. A Consellería de Emprego e Igualdade investiu en 2021, ata o de agora, máis de 4,8 millóns de euros, o que permitiu atender a 465 mulleres.
Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o incremento do orzamento destes apoios, unha vez esgotado o crédito inicial, unha iniciativa que inclúe contías periódicas de entre 200 e 800 euros mensuais coas que a Xunta de Galicia apoia ás vítimas da violencia de xénero co obxecto de que gañen independencia económica dos seus agresores e consigan saír da situación de perigo.
Galicia é a única Comunidade que ofrece estes apoios individuais mensuais ás vítimas de violencia de xénero, que resultan fundamentais para que as mulleres avancen no camiño da súa recuperación. As axudas, cuxo prazo de solicitude está aberto durante todo o ano, teñen como potenciais beneficiarias ás mulleres vítimas de violencia de xénero que racharan a convivencia co agresor no último ano, ás vítimas de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e ás vítimas de violencia vicaria, é dicir, aquelas mulleres que padezan o asasinato dos seus fillos ou fillas a mans do maltratador.
O apoio concrétase nun pago mensual destinado directamente á beneficiaria, de carácter periódico e individual e por un período máximo de 12 mensualidades. A cantidade vai dos 200 euros aos 800 euros mensuais, en función dos ingresos da muller, dos fillos ou fillas menores que teña ao seu cargo e doutras circunstancias como as relacionadas con condicións de discapacidade.