A Xunta amplía en case 430.000€ o orzamento para programas dirixidos a mulleres en situación de vulnerabilidade

A través destes programas trátase de dar maior autonomía e independencia a estas mulleres co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral
 

Multimedia

As subvencións son concedidas a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para fomentar a igualdade de oportunidades e reducir a discriminación

Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2019.-


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación da dotación orzamentaria da resolución da Secretaría Xeral da Igualdade pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro para programas dirixidos a mulleres en situación de especial vulnerabilidade, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. O incremento da dotación será de 429.477 €, resultando un crédito total de 1.339.477 €.

Grazas a esta ampliación, concedéronse axudas a 33 asociacións de Galicia que non resultaran beneficiarias da primeira convocatoria, e que agora poderán desenvolver as súas iniciativas de apoio ás mulleres que máis o precisan. As novas beneficiarias son: a Asociación para a Prevención e a Educación Social; a Asociación Punto Delas – Secretaría das Mulleres; Dignidade Galicia; Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo; Asociación pola Igualdade e a Coeducación; Asociación de Mulleres Arandeira; Fundación Érguete – Integración; Asociación Antonio Noche; Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; Confederación Galega de Persoas con Discapacidade; Andaina Pro Saúde Mental; Asociación Saúde Mental A Creba; Asociación Íntegro das Persoas con Diversidade Funcional da Costa da Morte; Fundación Ronsel; Asociación de viudas María Andrea; CIMO – Entidade Prestadora de Servizos; Asociación Nós Mesmas; Down Ourense; Cruz Vermella Española; Asociación; Síndrome de Down Lugo; Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña; Asociación de Amigos da Cultura e do Ocio “Aires Nosos”; Federación EFA Galicia; Asociación Down Coruña; Alar Galicia; Asociación Cultural Os Tres Reinos; Asociación Participacción; Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao; Asociación Faraxa pola Abolición da Prostitución; Asociación Veciñal As Termas; Agrupación de Asociacións Veciñais do Rural e Periferia de Ourense “Miño”; Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela; e ASPNAIS.

Estas axudas teñen como finalidade o desenvolvemento de programas que fomenten a igualdade de oportunidades para contribuír á redución da dobre discriminación en que se atopan as mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Trátase, polo tanto, dun plan para dotar as participantes dunha maior autonomía e independencia co fin de mellorar a súa situación persoal, social e laboral, a través de programas que inclúen unha atención personalizada e especializada.

Os programas en cuestión divídense en dos grupos: un de recursos integrais específicos para mulleres xestantes ou lactantes con fillas ou fillos menores de tres anos, en situación de especial vulnerabilidade; e outro enfocado en recursos integrais de atención personalizada e especializada para mulleres en situación de especial vulnerabilidade.

Ao existir remanentes doutras convocatorias financiadas tanto con cargo ao mesmo crédito como con créditos incluídos en programas do mesmo servizo, e logo da xeración de crédito financiado con fondos europeos, co fin de poder amparar un maior número de solicitudes presentadas e que compren os requisitos para ser beneficiarias das axudas, estímase conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada. Cabe destacar que a ampliación non implica a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

A Secretaría Xeral da Igualdade coa fin de amparar o maior número de solicitudes presentadas que compren os requisitos e dada a especial situación e necesidades nas que se atopan os colectivos de mulleres ás que van dirixidas as axudas estimou conveniente ampliar a dotación orzamentaria consignada inicialmente.