A Xunta activa as axudas por máis de 755.000€ para que entidades sociais promovan programas para mulleres vulnerables e de impulso do liderado feminino

O Goberno galego financiará as achegas con cargo aos cartos que a comunidade recada co 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF)

As organizacións beneficiarias poderán desenvolver os seus programas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023

Impulsarase a atención, asesoramento, formación, conciliación e tratamento da saúde das mulleres, entre outras iniciativas

Nos últimos catro anos, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinou máis de 2,3 millóns de euros para financiar 122 accións no marco desta orde

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2022.-
 
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de axudas da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade para que entidades sociais desenvolvan programas de impulso ao liderado feminino, de apoio ás mulleres en situación de especial vulnerabilidade e de loita contra a violencia de xénero.
 
Estes apoios suporán un investimento global de 755.617 euros que se financiarán con cargo aos cartos provenientes do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente á comunidade.
 
A Xunta propiciará no marco desta orde iniciativas das entidades sociais que teñan por beneficiaras a mulleres que se atopan en situación de vulnerabilidade: vítimas da violencia de xénero ou de outras violencias, mulleres en situación de explotación sexual-laboral ou de trata de persoas, inmigrantes, refuxiadas, reclusas, mulleres de minorías étnicas, etc.
 
Outorgarase apoio a accións de aloxamento, acollemento, atención e asesoramento, formación e información para o liderado da muller, e a propostas que incidan na conciliación. Tamén serán susceptibles de recibir financiación os programas de tratamento integral de vítimas da violencia de xénero, as propostas que incidan na protección e seguridade das vítimas da violencia de xénero e das súas familias, así como para o tratamento integral da saúde das mulleres, sobre todo no eido da sexualidade.
 
As entidades teñen de prazo para cursar as súas solicitudes desde mañá e ata o próximo 20 de outubro. As que resulten beneficiarias recibirán os cartos mediante anticipos este 2022 aínda que o período para desenvolver os seus programas estenderase do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2023.
 
Entre os anos 2018 e 2021, a Consellería de Promoción do Emprego destinou máis de 2,3 millóns de euros a financiar un total de 122 programas de interese xeral das entidades beneficiarias, no marco desta convocatoria. O ano pasado, recibiron achegas 35 iniciativas, o maior número ata o de agora, por valor de 742.000 euros.