A Xunta activa as axudas para a consolidación das asociacións de mulleres e o fomento de actividades no eido da igualdade e da violencia de xénero

A Xunta contribuirá con 326.366 euros a atender os gastos correntes das entidades e apoiar os seus programas de traballo con mulleres vítimas da violencia de xénero ou para a promoción da igualdade

A iniciativa pon o foco na atención e liderado das mulleres rurais e maiores

O ano pasado concedéronse cerca de 100 apoios no marco desta orde, que ve incrementado o seu orzamento en 2022 nun 3,7%

Multimedia

 A Xunta activa as axudas para a consolidación das asociacións de mulleres e o fomento de actividades no eido da igualdade e da violencia de xénero

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2022.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería de Emprego e Igualdade, de axudas destinadas á consolidación do movemento asociativo feminino e á promoción de actividades en materia de igualdade, prevención da violencia de xénero e de atención ás vítimas desta lacra, con especial atención ás que residen no medio rural.

Con este programa trátase de apoiar ás asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das galegas.

A axudas, que contan cun orzamento global de 326.366 euros, un 3,7% máis que o ano anterior, teñen como obxectivo o impulso e a dinamización das asociacións de mulleres, con especial atención ao ámbito rural, onde se quere visibilizar e poñer en valor o papel feminino como factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida nas comunidades e axente fornecedor do tecido social.

Dúas liñas de axuda

A convocatoria consta de dúas liñas. A primeira céntrase na consolidación do movemento asociativo, e ten por finalidade compensar os gastos correntes derivados do mantemento ordinario das entidades solicitantes entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022. Esta liña, financiada cos fondos propios da Comunidade Autónoma, incrementa o seu orzamento nun 7% respecto de 2021, ata acadar os 176.366€ cunha contía máxima prevista por entidade de 4.000 euros.

Doutra banda está a liña 2, dotada con 150.000 euros no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Prevé apoios á promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento ás vítimas, co foco posto nas mulleres rurais e maiores, estean ou non en situación de vulnerabilidade. As contías, ata un máximo de 6.000 euros, permitirán financiar actividades desenvolvidas entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022.

Neste caso, as actuacións deben responder a algunha das catro tipoloxías seguintes: accións de sensibilización; actuacións para o liderado e participación activa da cidadanía feminina; iniciativas para facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres e, por último, medidas específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e o acompañamento ás vítimas.

A convocatoria abre o seu prazo de solicitude mañá, 10 de maio, ata o próximo 9 de xuño. Poden optar aos apoios, asociacións ou federacións de mulleres sen ánimo de lucro e con domicilio social en Galicia inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais. As devanditas deben estar constituídas por un mínimo dun 90% de mulleres e ter como obxectivos a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a participación das mulleres na vida política, económica e social, entre outros requisitos.

O ano pasado, a Xunta concedeu un total de 96 axudas por valor de algo máis de 275.000 euros no marco desta convocatoria.