A Xunta activa as axudas destinadas ao fomento do asociacionismo e a participación social das mulleres

Os apoios recollen dúas liñas de actuación, unha adicada aos gastos correntes das asociacións e federacións de mulleres e outra de apoio ás actuacións de promoción da igualdade e loita contra a violencia de xénero

Ambas liñas suman un total de 314.757 euros destinados ao fornecemento do tecido social e asociativo feminino como un dos eixos transformadores da comunidade

Inciden no rural e nas mulleres maiores e/ou en situación de vulnerabilidade

Increméntase neste 2021 a contía do orzamento em case o 40%

Multimedia

A Xunta activa as axudas destinadas ao fomento do asociacionismo e a participación social das mulleres

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021.-

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria da Consellería de Emprego e Igualdade, de axudas destinadas a asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, coa finalidade de fortalecer o movemento asociativo feminino e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas.
Estas axudas teñen como obxectivo o impulso e a dinamización das asociacións de mulleres, entidades clave e eixos de transformación necesaria para avanzar na igualdade real e efectiva, con especial relevancia no ámbito rural, onde se quere visibilizar e poñer en valor o papel das mulleres como factor de dinamización, de loita contra as violencias machistas, da mellora da calidade de vida nas comunidades rurais e axente, ademais, fornecedor do tecido social e do asentamento da poboación.

Dúas liñas

A convocatoria consta de dúas liñas. Por unha parte a 1, a de consolidación do movemento asociativo, que compensa os gastos correntes derivados do mantemento ordinario das entidades solicitantes entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de novembro de 2021. Esta liña, financiada cos fondos propios da Comunidade Autónoma, incrementa o seu orzamento nun 106% por mor da covid-19, pasando este ano dos 80.000 aos 164.757 euros. A contía máxima que se pode conceder a cada entidade é, neste programa, de 4.000 euros.
Doutra banda está a liña 2, dotada con 150.000 euros do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e que recolle a promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con interese nas mulleres rurais e as mulleres maiores, en situación, ou non, de vulnerabilidade. A contía cobre as actividades realizadas entre o 1 de decembro de 2020 e o 30 de novembro de 2021. Estas actuacións deben responder a algunha das catro tipoloxías que se indican: accións de sensibilización; actuacións para o empoderamento e participación activa da cidadanía feminina; iniciativas para facilitar a adquisición de competencias e habilidades básicas para unha maior autonomía das mulleres e, por último, medidas específicas dirixidas á prevención da violencia contra as mulleres e o acompañamento ás vítimas. Cada entidade poderá percibir desta liña un máximo de 6.000 euros.
Poderán participar nestes programas as asociacións ou federacións de mulleres sen ánimo de lucro e con domicilio social en Galicia inscritas no Rexistro único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (Ruepss). As devanditas deben estar constituídas por un mínimo dun 90% de mulleres e deben ter como obxectivos a promoción da igualdade entre homes e mulleres e a participación das mulleres na vida política, económica e social, entre outros requisitos. As entidades contan ata o 22 de xullo para presentar a súa solicitude.
O Executivo galego continúa, deste xeito, co seu compromiso de avanzar na eliminación da discriminación entre homes e mulleres, sendo este un dos criterios de actuación da Xunta de Galicia nos sucesivos documentos de planificación estratéxica a prol da igualdade e do combate contra a lacra da violencia de xénero, como o demostran o VII Plan Estratéxico de Galicia para a Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 ou o Plan Galego de Conciliación e Corresponsabilidade 2018-2021.