A Xunta activa as axudas de pago único para axudar ás mulleres vítimas da violencia de xénero con dificultades para atopar un emprego

O Goberno galego publicita hoxe no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria á que destinará 1,5M€ en 2023

 En paralelo convoca os apoios cos que se garante que estas mulleres perciban as contías, ata un máximo de 6.000 euros, que lles corresponden por sentencia en concepto de indemnización, no caso de que o agresor incumpra o pagamento

As solicitudes para optaren a estes apoios poderanse cursar desde este luns 30 de xaneiro ata o 30 de novembro de 2023

 Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023.-

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe unha nova convocatoria das axudas económicas de pago único previstas na lexislación estatal para axudar as vítimas da violencia de xénero que presenten especiais dificultades para obter un emprego. Na mesma resolución recóllense as bases para o acceso das mulleres vítimas ás indemnizacións que lles correspondan por sentenza, no caso de non estar a percibilas por parte dos agresores. Para ambas as dúas liñas, a Administración autonómica reserva 1.555.000 de euros para o exercicio 2023.

O Goberno autonómico destina así un total de 1,5 millóns de euros ao aboamento das axudas de pago único. O importe a aboar nun so pagamento sitúase nos 2.711,52€ con carácter xeral -o equivalente a seis meses do subsidio por desemprego vixente-, aínda que se poden acadar contías maiores que igualen os 12, 18 ou 24 meses de subsidio, ata un máximo de 10.846€ en función das circunstancias sociais, de idade ou formación. Desde 2009, máis de 1.600 mulleres resultaron beneficiarias das axudas de pago único, nas que o Goberno autonómico investiu máis de 10 millóns de euros.

Como requisito para optaren a estas axudas de pagamento único as mulleres deben acreditar a súa condición de vítimas de violencia de xénero e a convivencia co agresor ten que ter cesado. Ademais exísese a residencia efectiva nalgún concello galego (no caso das estranxeiras tamén permiso de residencia e traballo), non ter percibido a mesma axuda con anterioridade, e acreditar as súas dificultades para obter emprego por medio dun informe emitido polo sevizo galego de emprego. En canto á parte económica, de ter rentas, en cómputo mensual non poderán superar o 75% do salario mínimo interprofesional.

En canto ás axudas de indemnización, por outra banda, a Xunta reserva 55.000 euros para garantir que as vítimas que a teñen recoñecida por sentenza dos tribunais galegos reciban o seu aboamento en concepto de danos e perdas causados, cando exista incumprimento por parte do obrigado a satisfacelas.

Neste caso poden ser beneficiarias mulleres que sofren situacións de violencia de xénero, e/ou os menores ou persoas que dependan delas. A contía a percibir será a establecida no fallo xudicial e que quede pendente de aboar, ata un máximo de 6.000€. Nos últimos 14 anos, desde 2009, un total de 132 persoas accederon a esta liña de apoio, á que se destinou preto de medio millóns de euros.

En ambos os dous casos, as axudas poden solicitarse desde este luns 30 de xaneiro ata o próximo 30 de novembro de 2023.

Dispensar apoio económico ás vítimas da violencia de xénero seguirá a ser unha prioridade para a Xunta de Galicia este 2023, no que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade destinará case 6 millóns de euros a esta finalidade co obxectivo de que estas mulleres poidan gañar independencia dos seus agresores e avanzar na súa efectiva inserción social e recuperación.

Ademais das axudas de pago único e de indemnización, xa están activadas as axudas de pagamento mensual de ata 800 euros durante 12 meses para este ano e a liña de apoio ás orfas e orfos desta lacra e ás mulleres gravemente feridas.