A Xunta achega á mocidade de Vilalba un proxecto para loitar contra os estereotipos de xénero no ámbito académico e profesional

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presentou hoxe o programa ‘Nin +, nin -, Iguais’

O alumnado do instituto coñeceu a experiencia de Patrocinio Morrondo, catedrática de sanidade animal da Universidade de Santiago de Compostela

Multimedia

 A Xunta achega á mocidade de Vilalba un proxecto para loitar contra os estereotipos de xénero no ámbito académico e profesional

Vilalba (Lugo), 3 de maio.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na presentación en Vilalba entre o alumnado do IES Santiago Basanta Silva do proxecto Nin +, nin -, Iguais .

O obxectivo principal desta iniciativa é rachar cos estereotipos de xénero, nomeadamente no ámbito académico e laboral, para reverter a crenza de que existen traballos “masculinos”. Para conseguilo, achégase á mocidade o exemplo de mulleres galegas líderes nos seus respectivos sectores.

Desta volta, o alumnado vilalbés coñeceu a experiencia de Patrocinio Morrondo, catedrática da área de Sanidade Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela e presidenta do Consorcio-Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia. Morrondo conta con máis de 120 publicacións en revistas indexadas, máis de 10 capítulos de libros e máis de 400 comunicacións en congresos científicos internacionais e nacionais.

Durante as intervencións, insistiuse na necesidade de reforzar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres para romper cos estereotipos de xénero.

Tema: