A Xunta abre mañá o prazo de inscrición do programa Medrando Xuntas co que se apoia o talento feminino na economía social

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria ofrece, a través dun plan formativo, as oportunidades que as entidades de economía social brindan ás mulleres para o seu desenvolvemento persoal e profesional

A segunda edición desta actuación incorpora este ano como novidade a celebración dun foro participativo no que as protagonistas serán as mulleres matriculadas no programa este ano e o anterior

Multimedia

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria abre mañá e ata o 15 de xullo o prazo para matricularse no programa formativo Medrando Xuntas, que organiza a Secretaría Xeral de Emprego para apoiar o talento feminino na economía social. A iniciativa conta con dous itinerarios, un dirixido a mulleres con responsabilidades de goberno e de xestión nas entidades de economía social e outro cuxas destinatarias son socias e/ou traballadoras.

Deste xeito, Medrando Xuntas. Directivas ofrece unha formación integral desde a perspectiva de xénero, co fin de potenciar as capacidades directivas das mulleres participantes como factor clave no seu posterior desenvolvemento profesional. Trátase dun curso executivo de 80 horas de duración, das cales 65 son presenciais e as restantes a distancia. Terá lugar entre o 7 de outubro e o 1 de decembro de 2018, na sede da Escola Galega de Administración Pública en Santiago de Compostela.

O programa conta cun cadro docente especializado nas diferentes áreas temáticas do curso, que abarcan cuestións vinculadas á xestión das organizacións de economía social (como a xestión operativa, de proxectos, a innovación, a transformación dixital, a responsabilidade social e a xestión do xénero e a diversidade) e habilidades directivas como o liderado participativo, o desenvolvemento e marca persoal, comunicación e oratoria e reunións eficientes de traballo.

Por outra banda, Medrando Xuntas. Socias e Traballadoras inclúe formación específica enfocada para empoderar as mulleres pertencentes ás organizacións de economía social en contornas urbanas e rurais. Será un curso de 20 horas de duración que terán lugar na sede da Fundación CEL en Lugo, entre os meses de outubro e novembro de 2018. Esta acción súmase ás xa realizados o pasado ano na Coruña, Vigo e Ourense.

O programa formativo segue a mesma estrutura que o de directivas, cunha parte centrada en xestión das organizacións de economía social e outra en habilidades directivas.

A segunda edición de Medrando Xuntas incorporará este ano como novidade un foro participativo coas alumnas de ambas as dúas promocións. Será un espazo de conversa sobre os retos, desafíos e oportunidades que as mulleres teñen no mundo da economía social e as ferramentas e estratexias que se están a desenvolver para contribuír á construción de modelos de negocio de éxito, a través da creación dunha nova economía máis xusta, solidaria e xerativa.

Toda a información relativa á iniciativa pode consultarse na web de Eusumo, www.eusumo.gal/ As prazas para participar no programa formativo son limitadas. A inscrición pode realizarse a través do formulario que pode atoparse na web de Eusumo para o curso de directivas e para o de socias e traballadoras; no correo electrónico medrandoxuntas.emprego@xunta.gal; ou no teléfono 605 545 606.

Tema: