A xornada ‘Agresión off’ da Xunta no Campus de Ourense pon o foco na pornografía, na explotación e no supremacismo masculino

O Goberno galego levou hoxe ao campus ourensán as xornadas coas que, con motivo do día 25-N contra a violencia de xénero, pretende sensibilizar á mocidade

Máis dun cento de persoas asistiu ás conferencias celebradas na Facultade de Ciencias da Educación centradas este ano na violencia sexual

  • A xornada ‘Agresión off’ da Xunta no Campus de Ourense pon o foco na pornografía, na explotación e no supremacismo masculino
  • A xornada ‘Agresión off’ da Xunta no Campus de Ourense pon o foco na pornografía, na explotación e no supremacismo masculino

Ourense, 10 de novembro de 2021.-

A Xunta celebrou hoxe no campus ourensá, a segunda das xornadas de sensibilización contra a violencia sexual entre as persoas mozas que están a percorrer os sete campus universitarios ata o próximo 24 de novembro, no marco do amplo programa de actividades que o Goberno galego desenvolve con motivo da conmemoración o 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero.
A sesión, na que tomaron parte máis dun centenar de persoas, celebrouse na sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense e contou coa participación do profesor de Socioloxía da Universidade de Santiago, Jorge García Marín, que interveu co relatorio A manosfera e as subculturas supremacistas masculinas; Beatriz Benavente, psicóloga xeral sanitaria e psicoanalista e vicepresidenta da Fundación RANA, quen falou da Explotación na infancia e adolescencia”; e Zúa Méndez e Teresa Lozano, comunicadoras e cofundadoras de Towanda Rebels, coa ponencia A pornografía como forma de violencia machista e violencia sexual.
Estas xornadas celebraranse nos próximos días nos campus de Ferrol (mañá, 11 de novembro), Pontevedra (17 de novembro), A Coruña (18 de novembro), Lugo (23 de novembro) e Vigo (24 de novembro).
As xornadas de sensibilización e prevención da violencia sexual contra a mocidade enmárcanse na campaña autonómica Agresión Off, eu digo non á violencia sexual, e inclúen charlas divulgativas impartidas tanto por persoal experto nesta materia como docentes das unidades de igualdade das tres universidades.
A inscrición para participar nesta iniciativa é gratuíta e se pode realizar 48 horas antes da celebración de cada xornada a través da páxina web www.xornadasagresionoff.gal. Ao remate entregarase un diploma acreditativo de asistencia ás persoas participantes.
Con estas sesións, preténdese sensibilizar á mocidade acerca da violencia sexual, considerada como forma de violencia de xénero na lei galega para a súa prevención e tratamento integral, e que leva a dianteira ao marco estatal con este recoñecemento.