Unha subvención de Igualdade permitiu atender a máis de 300 mulleres con diversidade funcional na Costa da Morte

López Abella visitou a Asociación Íntegro, que dispón dun servizo de información e asesoramento para mulleres do rural con diversidade funcional

Busca promover a independencia, autonomía persoal e igualdade de oportunidades destas mulleres nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra

Cabana de Bergantiños, 27 de febreiro de 2014. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, visitou esta mañá a sede da Asociación Íntegro para coñecer de primeira man o traballo que está a facer en prol das mulleres con diversidade funcional nas comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra.

Na súa visita, López Abella estivo acompañada do alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muiño -onde está a sede da asociación-, así como do seu presidente, Adolfo López Baña, e da educadora social do centro, María Paz Peña.

O ano pasado, Íntegro recibiu unha subvención de máis de 11.000 euros a través da orde de entidades de iniciativa social da Secretaría Xeral da Igualdade. Con esta axuda, púxose en marcha un servizo de información e asesoramento para mulleres con diversidade funcional no medio rural, que abarcou aos 15 concellos das tres comarcas onde traballan.

O obxectivo deste servizo -e da propia asociación- é promover a independencia, autonomía persoal e a igualdade de oportunidades das mulleres con diversidade funcional na zona da Costa da Morte. Así, neste servizo potenciase a participación e a inclusión das mulleres na vida comunitaria, infórmaselles sobre os dereitos e recursos a súa disposición e investigase para o Plan de Igualdade da asociación, entre outras cuestións.

En 2013 realizáronse cinco talleres formativos, sete conferencias e oito actividades de ocio. En total, atendéronse a máis de 300 mulleres dos concellos de Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laracha, Laxe, Malpica, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.

Durante todo o proxecto traballouse conxuntamente cos servizos sociais de base para a derivación de usuarias. Así mesmo mantivéronse reunións cos diferentes organismos públicos e/ou privados para dar a coñecer a actividade e envióuselles información aos servizos sociais, Centros de Información á Muller e outras entidades no eido da muller.