Unha enquisa da Xunta conclúe que cada vez máis galegos e galegas perciben a violencia de xénero como un problema social que compromete a toda a sociedade

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presentou hoxe en Santiago de Compostela o documento elaborado pola Xunta sobre a percepción da sociedade galega sobre a violencia de xénero

Lorenzana pon en valor que Galicia se mostra cada vez máis concienciada con esta lacra (80%), xa que con respecto á enquisa elaborada en 2012, un 10% máis de persoas (70,4%) considera que é un problema social

Sinala que a mellor política para combater esta violencia é a prevención, a concienciación e a sensibilización que, segundo amosa o estudo, está a dar resultados

  •  Unha enquisa da Xunta conclúe que cada vez máis galegos e galegas perciben a violencia de xénero como un problema social que compromete a toda a sociedade
  •  Unha enquisa da Xunta conclúe que cada vez máis galegos e galegas perciben a violencia de xénero como un problema social que compromete a toda a sociedade

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2020.-

A macroenquisa realizada pola Xunta sobre a percepción da sociedade galega sobre a violencia de xénero conclúe que o 80% das persoas consultadas considérao un problema social que compromete a todo o mundo, o que supón que Galicia está cada vez máis concienciada con esta lacra. En 2012, cando se realizou a última enquisa neste eido, un 70,4% consideraba que a violencia de xénero era unha problemática social, un 10% menos que agora. Así, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, que presentou o documento hoxe en Santiago de Compostela, puxo en valor este dato e destacou que a mellor política para continuar combatendo esta lacra é a prevención, a concienciación e a sensibilización que, segundo amosa o informe, está a dar resultados.

Lorenzana incidiu en que a Administración autonómica seguirá poñendo o acento en medidas dirixidas a toda a sociedade para desmontar roles, ideas e estereotipos que seguen arraigados no eido da violencia machista. “As mulleres que sofren este tipo de violencia en Galicia deben saber que non están soas, que existen recursos públicos e unha rede de profesionais que poden axudalas a atopar unha saída”, engadiu.

A macroenquisa encádrase no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, que inclúe entre os seus eixos de actuación a necesidade de mellorar o coñecemento acerca deste problema como instrumento indispensable para a súa loita. Avalía tres ámbitos: a violencia de xénero, a violencia sexual como forma de violencia de xénero e a violencia de xénero durante o período de confinamento.

Violencia de xénero

A medida que a idade diminúe, a violencia de xénero percíbese, segundo o estudo, en maior proporción como un problema social que compromete a toda a sociedade. Así o manifestan o 97,4% das persoas enquisadas entre 18 e 29 anos. Por outra banda, os delitos vencellados á violencia de xénero e que se consideran de maior gravidade, segundo manifestan as persoas enquisadas, son: o acoso sexual no traballo, a agresión a unha muller dentro da parella e a violación. Outro dato que, segundo a conselleira, fai reflexionar é que o 20% considera actos leves revisar o móbil da parella, pedirlle que cambie a súa vestimenta ou poñerlle atrancos para que pase o tempo coas súa amizades.

Ademais, a cidadanía considera nun 88,3% que a violencia de xénero pode erradicarse: nun 56,9% que é evitable mediante un cambio global de valores e nun 31,4% que se pode combater mediante unha mellor protección e prevención. Para as persoas enquisadas, os principais factores que motivan a violencia de xénero son os mesmos que se consideraron en 2012: problemas psicolóxicos ou mentais dos agresores (88%), o machismo e o sexismo (87%) e o abuso do alcol ou consumo de drogas por parte do agresor (86,9%). Estes resultados, a xuízo de Lorenzana, indican a necesidade de continuar reforzando as medidas de concienciación para desmontar estereotipos e falsas crenzas en torno aos agresores.

Outras conclusións do informe sinalan que un 85,2% da poboación (cinco de cada seis persoas) denunciaría un caso de violencia de xénero se o coñecera, un dato que mellora ao longo dos anos. Na enquisa de 2005 a porcentaxe foi do 76,5% e na de 2012 do 81,7%.

En canto ás iniciativas encamiñadas á protección das vítimas, o 93% da cidadanía considera que a principal medida é, desde a perspectiva institucional, que se incrementen os recursos e o 92,5% que os xuíces e xuízas teñan unha maior formación e concienciación. Desde a perspectiva civil e social consideran fundamental, para o 98,8%, que as familias eduquen en igualdade. Por outra parte, os recursos da Xunta son valorados con “unha alta utilidade”, en concreto, os programas de apoio psicolóxico, os centros de acollida, o apoio á inserción laboral e os programas específicos para vítimas de violencia sexual, así como as axudas económicas.

Violencia sexual

O segundo dos bloques do estudo céntrase na violencia sexual que desde a aprobación no 2007 da Lei galega para a prevención e tratamento da violencia de xénero recoñécese como unha forma de violencia de xénero. O 80% dos enquisados consideran que a orixe da violencia sexual atópase no machismo, en problemas psicolóxicos ou mentais, a falta de autocontrol e o abuso de alcol e/ou drogas. Tamén destacan como motivos a educación sexual deficiente entre a mocidade (78,4%) e o aumento no consumo de pornografía (67,1%). Os homes tenden a identificar en maior proporción problemas relacionados coa personalidade do agresor e as mulleres cren en maior medida que unha das razóns principais deste tipo de violencia é o machismo.

O último dos bloques da enquisa refírese á violencia durante o confinamento orixinado pola covid-19. O 65,5% considera que se incrementou e entre os factores que puideron contribuír ao seu aumento destacan a convivencia co agresor 24 horas ou o illamento que puido dificultar á vítima pedir axuda.

Metodoloxía

A enquisa, que supón a continuación do labor feito pola Xunta nos anos 2005 e 2012, realizouse en xullo de forma telefónica a 3.874 persoas residentes en Galicia de 18 ou máis anos de idade (55,7% mulleres e o 44,3% homes). Un 58.4% dos enquisados residen no rural e o 41,6% restante en áreas urbanas. Este estudo sirve de base para coñecer a evolución histórica das opinións e actitudes da poboación galega sobre esta lacra social.

Lorenzana concluíu a súa intervención facendo referencia a que esta enquisa senta as bases “para seguir avanzando no bo camiño”. Os datos reflicten que os servizos, recursos e campañas de concienciación que a Xunta de Galicia leva anos realizando están causando os seus efectos na poboación galega. Pero tamén sinalou que esta enquisa constitúe “un instrumento moi útil para traballar con campañas cada vez máis dirixidas aos elementos que a sociedade precisa”.

“Hai que loitar pola inserción laboral das vítimas de violencia. Parte da poboación entende que a causa da violencia é que as vítimas non poden saír da contorna onde se atopan por falta de recursos económicos. Debemos apostar pola inserción laboral e a formación para o emprego”, rematou.

Para acceder a un resumo da enquisa pode premer aqui.