Un total de 233 homes e familias monoparentais benefícianse das axudas da Xunta para a redución de xornada

O orzamento concedido ascende a preto de 440.000 euros, con axudas que oscilan entre 1.700 e 3.700 euros

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2017.- Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria de axudas da Xunta destinada ás persoas traballadoras -homes e familias monoparentais- que se acollan á redución da xornada laboral para o coidado dos seus fillos e fillas. En total, este ano as subvencións chegarán a 233 persoas.

 A iniciativa ten como obxectivo fomentar a conciliación da vida familiar e laboral, ao tempo que se fomenta a corresponsabilidade entre homes e mulleres e se favorece, así, a desaparición dos estereotipos en torno ao coidados dos menores e do fogar. Por iso, a convocatoria está destinada a homes, incluíndo tamén familias monoparentais que, pola súa situación, precisan dun apoio específico.
 
O orzamento concedido este ano ascendeu a un total de 440.000 euros, cofinanciado ao 80% polo Fondo Social Europeo. As axudas individuais oscilan entre unha contía mínima de 1.700 e unha máxima de 3.700 euros, en función da porcentaxe da redución da xornada, a súa duración, e o número de fillos a cargo da persoa solicitante.
 
Desde 2009 a 2017 o orzamento global destinado a estas axudas ascendeu a máis de 4,1 millóns de euros e foron beneficiarios das mesmas máis de 2.005 persoas, dos que o 75,5% foron homes (1.513) e o 24,5% mulleres (492).
Tema: