Un grupo de 36 nais, acompañadas polas 38 fillas e 21 fillos ao seu cargo, rematan a estadía de tempo libre promovida por Igualdade

Un grupo formado por 36 nais residentes nas catro provincias de Galicia, co denominador común de asumir en solitario as responsabilidades familiares, participaron durante a semana pasada na estadía de tempo libre que anualmente convoca a Secretaría Xeral da Igualdade.

Elas, acompañadas polas 38 fillas e 21 fillos menores de 12 anos que teñen ao seu cargo, disfrutaron dunha semana de convivencia na costa do 26 de xuño ao 3 de xullo.

Santiago, 4 de xullo de 2011.- Esta iniciativa de Igualdade ten por obxecto facilitar un espazo e un tempo para a convivencia de calidade e mellorar o benestar daquelas mulleres que se ven obrigadas a asumir en solitario as responsabilidades familiares sobre as súas fillas e fillos. A experiencia pon ao alcance dos participantes, adultas e menores, a posibilidade de compartir e verbalizar as súas vivencias nun clima relaxado, de respeto e de confianza, orientadas por tres monitoras e un monitor que organizan actividades especializadas para influir no benestar persoal e familiar do grupo.

Obradoiros para favorecer a comunicación interpersoal, xogos para estimular o traballo en equipo, técnicas de relaxación, prácticas deportivas ou estratexias para mellorar o nivel de autoestima son algúns dos eixos centrais das actividades desenvolvidas ao longo da semana, que as participantes coinciden en valorar moi positivamente.

As actividades dirixidas ás nenas e aos nenos destacan entre os factores máis valorados polas mulleres participantes, seguidos da atención prestada polas monitoras e os monitores ao grupo, tanto ás adultas como aos menores.