Un centenar de persoas comezan mañá un curso sobre igualdade e emprendemento organizado pola Vicepresidencia

O curso de modalidade online, terá unha duración de 60 horas e desenvolverase entre os meses de setembro a novembro

O obxectivo desta edición é a de formar con perspectiva de xénero en materia de promoción de emprego baixo a fórmula cooperativa

Santiago, 15 de setembro de 2013. Mañá comeza o curso online “Vías de igualdade para o emprendemento, a empresa cooperativa” cun centenar de persoas inscritas. Está organizado pola Secretaría Xeral da Igualdade, a través da EGAP e terá unha duración de 60 horas , repartidas entre os meses de setembro e novembro.

O curso está destinado, preferentemente, ao persoal dos centros de información ás mulleres e da área de emprego e desenvolvemento local dos concellos, aínda que tamén se abre a participación a outros colectivos relacionados con estes ámbitos.

O obxectivo desta actividade formativa é formar a persoal técnico en materia de promoción do emprego baixo fórmula cooperativa e incorporar a perspectiva de xénero na promoción do cooperativismo.

O curso divídese en dez módulos formativos, entre os que se abordarán asuntos como a definición da cooperativa e o seu marco normativo; o réxime económico e fiscal das cooperativas e os pasos para a súa posta en marcha; claves para o acompañamento a un grupo promotor e recursos útiles no traballo de promoción.