Turismo, cultura, deporte, emprendemento e saúde, ademais de lecer, conforman a oferta de Igualdade para as asociacións de mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, acompañada da secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e do Delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, presentou hoxe en Ourense o Programa de Actividades para Mulleres 2010, Adiante, que ten como obxectivo dinamizar o movemento asociativo feminino e contribuír á mellora da calidade de vida das mulleres, e que conta este ano con diferentes áreas de actuación: o turismo, a cultura, o deporte, o emprendemento e a saúde, todo isto mesturado cun lecer activo e divertido.

  • Turismo, cultura, deporte, emprendemento e saúde, ademais de lecer, conforman a oferta de Igualdade para as asociacións de mulleres
  • Turismo, cultura, deporte, emprendemento e saúde, ademais de lecer, conforman a oferta de Igualdade para as asociacións de mulleres

A secretaria xeral da Igualdade destacou o papel das asociacións de mulleres que "son unha canle privilexiada para proporcionar ás súas asociadas máis oportunidades, máis formación e máis participación en todos os eidos da vida social".

Marta González, que está presentando o programa nas catro provincias galegas, destacou "o papel particularmente importante que realizan as asociacións do medio rural" porque suplen a maior escaseza de recursos, ou a súa lonxanía, e "xeneran iniciativas de carácter social e económico, como novos recursos para as mulleres, para as persoas maiores, para a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, cooperativas ou redes de emprendedoras"; por todo isto, dixo, "a súa función social é innegable".

Unha das actividades do programa "Outono nas termas" realízase grazas á colaboración da Secretaría Xeral para o Turismo e á Secretaría Xeral da Igualdade. A responsable dese departamento, Carmen Pardo, afirmou que este programa o programa 'Outono nas termas' axudará a "dinamizar o turismo termal de Galicia e ao sector empresarial a el asociado".

Ademais, lembrou que este programa, que se repite por segundo ano consecutivo, é "unha forma máis de contribuír a desestacionalizar a demanda turística, a potenciar o turismo de interior na nosa comunidade e a de acercar á actividade turística a diferentes colectivos que, por diferentes circunstancias, non acceden habitualmente ou teñen un acceso máis difícil a este tipo de paquetes temáticos".

Pola súa banda, o Delegado territorial da Xunta en Ourense destacou que "o tecido asociativo galego, e o de Ourense en particular, é unha peza fundamental para artellar o caldo de cultivo necesario para alcanzar a igualdade entre mulleres e homes de xeito real e efectivo" e o programa Adiante, ademais de ser "novidoso, ambicioso e completo", dixo, "axudará a promover a participación e activación das mulleres na vida social e cultural".

A secretaria xeral da Igualdade explicou que o programa "Adiante" nace co obxectivo de dinamizar o movemento asociativo feminino, fomentando a participación en actividades de carácter lúdico, pero que reforcen tamén o papel igualitario que as mulleres deben acadar na nosa sociedade, ao mesmo tempo que incorpora factores que favorecen os hábitos de vida saudables, a inclusión do exercicio físico na actividade cotiá, a promoción da nosa cultura, do turismo e da formación, o achegamento ás tecnoloxías da información e da comunicación e, por suposto, a mestura do lecer e do tempo libre en proxectos interesantes e atractivos.

"Adiante" ten a vontade de consolidar a transformación das asociación de mulleres, entidades que proporcionaban lugares para o encontro e o lecer recreativo, en organizacións que melloran o seu contorno a través da participación social activa das súas asociadas.

Cultura, deporte, saúde e emprendemento

Esta edición do programa ofrece actividades en cinco áreas: turismo, saúde, deporte, cultura e emprendemento.

Na área de cultura, o programa 'Coñéceas' pretende achegar ás mulleres á vida e obra das dúas escritoras galegas máis importantes e afamadas da historia de Galicia, Rosalía de Castro e Emilia Pardo Bazán. Para iso, a Secretaría Xeral da Igualdade organizará, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e a Casa Museo Emilia Pardo Bazán, visitas ás súas casas-museo e o contorno no que viviron e escribiron a súa obra. A visita, que terá un día de duración, mesturará o coñecemento da vida e da obra da escritora correspondente, dende unha perspectiva ata agora non vista, como pioneiras dos dereitos das mulleres, e dunha serie de actividades de lecer.

Na área da saúde e turismo, a proposta "Outono nas termas", desenvolveuse xa o ano pasado con gran éxito, participando unhas 600 mulleres, tal como explicou durante a presentación a secretaria xeral de Turismo. O programa, indicou Carmen Pardo, consta dunha noite de estancia e de tratamentos termais específicos en dez balnearios galegos da comunidade autónoma: Lobios, Laias e Arnoia, do grupo Caldaria; Acuña, Guitiriz, Mondariz,Termas de Cuntis, Hesperia Illa de A Toxa, Augas Santas e Baños de Molgas. Ademais, a estadía completase coa realización de actividades informativas sobre hábitos de vida saudables, autocoidadado, importancia da auga no noso benestar e saúde, etc…

A terceira proposta, Peregrina, pretende animar ás mulleres a participar no gran movemento Xacobeo deste ano santo 2010. Un segundo obxectivo é animar ás mulleres galegas a incorporar o deporte á súa actividade cotiá, a través da realización a pé do último tramo do Camiño de Santiago, desde o Monte do Gozo ata a praza da Acibechería. Este programa está dirixido a promover a actividade física entre as mulleres e dar a coñecer os beneficios do exercicio cotián na vida das persoas de calquera idade; por isto, a peregrinación completarase cun obradoiro formativo previo, no que se darán consellos prácticos sobre como afrontar o camiño e se falará dos beneficios de incorporar o exercicio físico e o deporte á actividade diaria.

Ademais de promover a saúde e a cultura, dende a Secretaría Xeral da Igualdade tamén se quere animar ás mulleres galegas a desenvolver a súa capacidade creativa e emprendedora; para isto, ponse en marcha Emegactiva, no que as asociacións de mulleres poderán coñecer in situ as iniciativas empredendedoras desenvolvidas por mulleres que se están desenvolvendo en Galicia, coa visita a diversas empresas galegas promovidas por mulleres nas que as protagonistas contarán, en primeira persoa, a súa experiencia tanto na posta en marcha como no desenvolvemento da súa empresa.

As empresas que visitarán son algunhas das que se crearon a raíz do Programa de Emprendemento Feminino Emega, e abarcan áreas de actividade que van dende a hostalaría, granxas, casas de turismo rural ou empresas de transformación de produtos agrarios.

Todas estas actividades comezarán a realizarse a partir do mes de setembro e o prazo de inscrición para as mesmas comezou o 2 de xullo e remata o próximo 31 de xullo.

A secretaría xeral da Igualdade rematou a presentación lembrando que no ano pasado no programa de dinamización de asociación de mulleres participaron 3.411 mulleres dun total de 153 asociacións. As actividades desenvolvidas xiraron en torno á formación das asociacións en temas relacionados coa igualdade, na reflexión sobre a súa situación como mulleres, e tamén no feito de compartir momentos de lecer coas amigas.