Tres centros de Ferrol incorporan un servizo de teletradución a 51 idiomas para mellorar a atención ás mulleres estranxeiras

Trátase do Centro O Mencer das Oblatas, da Casa de acollida para vítimas de violencia de xénero e do CIM

Ofrecido sen custe pola Secretaría Xeral da Igualdade, mellora a asistencia ás mulleres e ás vítimas de violencia de xénero estranxeiras, facilitando unha comunicación verbal máis eficaz

  • Tres centros de Ferrol incorporan un servizo de teletradución a 51 idiomas para mellorar a atención ás mulleres estranxeiras
  • Tres centros de Ferrol incorporan un servizo de teletradución a 51 idiomas para mellorar a atención ás mulleres estranxeiras
  • Tres centros de Ferrol incorporan un servizo de teletradución a 51 idiomas para mellorar a atención ás mulleres estranxeiras
  • Tres centros de Ferrol incorporan un servizo de teletradución a 51 idiomas para mellorar a atención ás mulleres estranxeiras

Ferrol, 10 de febreiro de 2012.- Tres centros de Ferrol especializados no desenvolvemento de programas de atención ás mulleres e, nomeadamente, no eido da violencia de xénero e da trata con fins de explotación sexual teñen operativo desde finais de 2011 un sistema de teletradución, ofrecido sen custo pola Secretaría Xeral da Igualdade. Este servizo ten como obxectivo mellorar a atención ás mulleres inmigrantes, facilitando a comunicación en 51 idiomas.

As funcionalidades do servizo foron presentadas esta mañá en Ferrol pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada pola delegada territorial da  Xunta, Belén do Campo, e polo alcalde, José Manuel Rey, nun acto celebrado nas instalacións do Centro O Mencer, que dirixe Rosario Echevarría,  no que dúas usuarias, de orixe thailandesa e nixeriana, tiveron a oportunidade de participar nunha demostración das aplicacións do sistema.

Segundo destacou a titular de Igualdade, Ferrol é unha localidade que fai “un uso pleno da teletradución”, ao incorporar o servizo en todos os recursos dispoñibles, a través dos tres centros citados, cuxas usuarias nalgúns programas son maioritariamente estranxeiras.

A potencialidade e utilidade deste sistema queda de manifesto á vista dos datos de atención destes centros. O Mencer, no seu programa de atención a mulleres en situación de prostitución e trata con fins de explotación sexual asistíu o pasado ano a 478 mulleres, delas o 89% estranxeiras. A orixe máis frecuente é Brasil, seguida de Colombia, República Dominicana e Romanía.

Na Casa de acollida de Ferrol, do total de persoas residentes o pasado ano un 43% eran estranxeiras. Das 21 mulleres residentes, 9 eran estranxeiras, e dos 16 fillos e fillas menores destas, 7 crianzas eran estranxeiras.

E, por último, un 46% das mulleres que o pasado ano demandaron asesoría xurídica e un 15% das mulleres que solicitaron asesoría psicolóxica no CIM de Ferrol eran estranxeiras.

No conxunto de Galicia, ata o de agora a teletradución está incorporada en nove entidades e ONGs, en todas as casas de acollida e en 50 CIMs, deles 19 da provincia da Coruña, 16 de Pontevedra, 9 de Ourense e 6 de Lugo

Aqueles outros CIMs que estean interesados, poden aínda adherirse ao servizo.

Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero e trata

As novas características poboacionais derivadas da inmigración motivaron á Administración autonómica a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua.  A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantaxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.

A través da plataforma de teletradución, estas mulleres teñen a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico.

O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.