Susana López Abella recibe ás concelleiras de Igualdade e Cultura dos municipios coruñeses de Padrón e Rois

Na xuntanza quedou de manifesto a vontade dos concellos de Padrón, Rois e Dodro de desenvolver conxuntamente determinados programas e servizos, para optimizar os recursos dispoñibles

Analizáronse as axudas ás que poden concorrer estes concellos para fomentar medidas de conciliación, promoción da igualdade e prevención da violencia, a través da convocatoria anual para entidades locais da Secretaría Xeral da Igualdade, dotada con 3.6 millóns de euros

Multimedia

Santiago, 6 de febreiro de 2012.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, recibiu esta mañá no seu despacho á tenente de alcalde e concelleira de Igualdade de Padrón, Carmen Lois, e á concelleira de Cultura, Deportes e Xuventude de Rois, Victoria Quiroga, nunha xuntanza convocada para analizar as axudas convocadas polo departamento e as iniciativas e programas que van desenvolver conxuntamente os municipios de Padrón, Rois e Dodro, aínda que a representante deste último non puido estar presente no encontro.

Susana López Abella destacou o compromiso económico do departamento coas entidades locais, que se materializa a través da convocatoria anual para que os concellos promovan a cultura da igualdade, da conciliación e da prevención da violencia, dotada este ano con 3,6 millóns de euros.

A titular de Igualdade lembrou que esta convocatoria está pensada para que os concellos desenvolvan accións neste ámbito, acolléndose ás axudas establecidas para catro liñas de actuación,  dedicadas á promoción da igualdade, á prevención da violencia, ás medidas de conciliación e ao apoio aos CIMs.  Asemade, animou ás representantes destes concellos a avanzar no deseño de novos programas e servizos mancomunados, para asegurar mellores servizos e ampliar o número de persoas beneficiarias dos mesmos, poñendo como exemplo o CIM de Padrón que pode ampliar o seu radio de influencia aos municipios de Rois e Dodro que carecen de centro propio.

Anticipo do 80% das axudas

Igualdade realizará un primeiro pagamento anticipado do 80% do importe das axudas ás entidades locais unha vez resoltas, para que os concellos dispoñan dos recursos canto antes e cando realmente os precisan, nunha conxuntura na que coinciden a complexa situación financeira e unha maior demanda de servizos da veciñanza. 

Colectivo: