Susana López Abella inaugura unha exposición en Ferrol para achegar á mocidade a importancia do emprendemento feminino

A secretaria xeral da Igualdade participou tamén na entrega de dous premios dedicados a dúas mulleres pioneiras no ámbito da ciencia e da tecnoloxía

  • Susana López Abella na inauguración da exposición 'Con nome de muller' en Ferrol
  • Susana López Abella na inauguración da exposición 'Con nome de muller' en Ferrol
  • Susana López Abella na inauguración da exposición 'Con nome de muller' en Ferrol
  • Susana López Abella na inauguración da exposición 'Con nome de muller' en Ferrol

Ferrol, 21 de outubro de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta mañá a exposición ‘Con nome de Muller’, que pretende achegar á mocidade experiencias concretas de emprendemento protagonizados por mulleres.

A finais de 2011 a Universidade de Santiago, a través do programa de apoio ao emprendemento feminino ‘Woman Emprende’, puxo en marcha esta exposición, que a partir de hoxe poderá verse no vestíbulo Escola Politécnica Superior do Campus de Ferrol.

O obxectivo da mostra é achegar aos estudantes e ao público xeral diversos exemplos de emprendemento de mulleres tomados do pasado e do presente para amosar a relevancia da iniciativa feminina e o seu valor como instrumento de creación de riqueza e benestar.

Ademais, con estes exemplos tamén se quere transmitir ás mozas e mozos galegos a necesidade de ter unha actitude positiva e proactiva ante a vida, ao tempo que se sacan á luz episodios do noso pasado que, con frecuencia, tenden a esquecerse.

‘Con nome de Muller’ non só mostra a grandes emprendedoras, senón tamén pequenas historias que fan o día a día. Por iso, López Abella desexou que a exposición sirva para animar a todas aquelas mulleres que se senten dispostas a tomar a iniciativa.

Premios ás mulleres científicas
Doutra banda, a secretaria xeral participou na entrega de premios do I Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero ‘Angeles Alvariño’ e do I Certame Fotográfico ‘Rosalind Franklin: As mulleres na ciencia e na tecnoloxía’.

A titular de Igualdade entregou varios premios e felicitou tanto aos gañadores como aos promotores da iniciativa, por contribuír a visibilizar as achegas de mulleres senlleiras no ámbito das ciencias e da tecnoloxía. Unha iniciativa moi en concordancia co traballo do Goberno galego, que desde hai anos aposta por dinamizar e promover o papel das mulleres nas ciencias e na tecnoloxía en Galicia.

Os premios están dedicados á oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño e a biofísica inglesa Rosalind Franklin, dúas mulleres pioneiras no ámbito da ciencia e da tecnoloxía que, segundo expresou a secretaria xeral, “abriron as portas a moitas outras que viñeron detrás”.