A situación socio laboral, a diversidade funcional e a muller no rural centrarán o traballo do Consello Galego das Mulleres

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu esta mañá o Pleno do Consello Galego das Mulleres, organismo posto en marcha no mes de marzo

  • A secretaria no Pleno celebrado en Santiago | Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria no Pleno celebrado en Santiago | Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria no Pleno celebrado en Santiago | Autor: Xoán Crespo
  • A secretaria no Pleno celebrado en Santiago | Autor: Xoán Crespo

Santiago, 14 de xullo de 2014.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu hoxe o Pleno do Consello Galego das Mulleres, no que se aprobaron as comisións de traballo que definiran as liñas específicas de actuación do organismo. Finalmente, o organismo contará cunha Comisión centrada na muller no rural, outra na diversidade funcional e unha terceira dedicada á situación socio laboral das mulleres, englobándose nesta última a reorganización dos tempos de traballo e a conciliación de vida laboral.

Ademais destes grupos de traballo, no Pleno tamén se aprobou o regulamento de funcionamento interno, que no que atinxe as comisións de traballo especifica que a dirección de cada comisión poderá contar no Pleno con entidades ou persoas expertas en materia de igualdade para o mellor asesoramento de temas concretos suxeitos a debate no seo do organismo.

O regulamento tamén recolle que as Comisións de traballo están suxeitas as necesidades do organismo e dos seus integrantes, polo que se poderán crear novas comisións para o estudo e análise de temas específicos si se considera oportuno, co fin de dinamizar o funcionamento da entidade e dotalo de maior operatividade.

O Consello Galego das Mulleres é un organismo de recente creación, xa que foi constituído o pasado mes de marzo co fin de actuar como canle de participación efectiva de institucións e asociacións no deseño de políticas de prevención e tratamento integral da violencia de xénero, da discriminación e de promoción da igualdade entre homes e mulleres, ademais de dar asesoramento en materia de políticas de igualdade.

Así, o organismo colexiado exerce de interlocutor ante a Administración autonómica, así como ante calquera institución ou entidade de carácter público ou privado para o desenvolvemento de políticas públicas dirixidas a lograr a igualdade efectiva entre homes e mulleres. Entre as funcións do Consello se atopa a de elevar propostas e iniciativas aos poderes públicos, elaborar informes sobre a situación e perspectivas da igualdade e investigar a realidade das mulleres galegas.