A secretaria xeral da Igualdade visitou ás reclusas de Teixeiro que participan no curso de perruquería

Estes cursos teñen por obxectivo favorecer a formación das mulleres reclusas e a súa posterior integración na vida sociolaboral. A área de perruquería é unha das profesións con máis demanda e permite que unha muller con formación suficiente poida traballar por conta propia.

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, visitou hoxe ás participantes do curso de perruquería do módulo de mulleres do Centro Penitenciario de Teixeiro (Curtis), organizado pola Fundación Érguete-Integración e financiado polo departamento de Igualdade do goberno galego.

Na visita, Marta González. que estivo acompañada polo alcalde do Concello de Curtis, Javier Caínzos, pola coordinadora da Fundación Érguete, Ana Álvarez, e polo subdirector do centro, recabou as impresións e suxestións das 14 reclusas que participan no curso de perruquería.

As mulleres estiveron falando coa secretaria xeral e co alcalde do concello, amosaron o seu entusiasmo por esta actividade, corroborado pola profesora do curso, que destacou "o interese" mostrado polas participantes.

Ademais, as mulleres pedíronlle á responsable de igualdade do goberno galego que se realizasen máis cursos de características similares, como un de estética, ou doutras materias, como a música, para poder aprender a tocar instrumentos musicais, considerando que os de formación ocupacional deberían ter unha maior duración, co obxectivo de afondar máis nos coñecementos adquiridos.

Marta González escoitou atentamente as súas peticións e suxeriulles que as elevasen no informe final do curso. A secretaria xeral da Igualdade comprometeuse a estudalas e intentar incorporalas no programa de formación do próximo ano.

Este proxecto, que realiza a Fundación Érguete-Integración e que é financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade, a través da súa convocatoria de cursos de formación ocupacional postos en marcha por entidades de carácter social e sen ánimo de lucro, ten por obxectivo favorecer a formación das mulleres reclusas e a súa posterior integración na vida sociolaboral.

Ademais, indicou Marta González, a área de perruquería é unha profesión de gran demanda, e permite que unha muller con formación suficiente poida abrir o seu propio negocio e integrarse no mundo laboral como empresaria, como autónoma, cunha inversión moderada”.

Estes cursos, ademais da aprendizaxe propio do peiteado, enriquéncese con aulas teóricas sobre igualdade, nocións sobre organización da empresa,  medidas de hixiene, relación coas clientas e nocións de informática, sempre co obxectivo de dotar ás alumnas dos coñecementos teórico-prácticos necesarios para desempeñar o oficio de salón de peiteados, proporcionarlles os coñecementos e destrezas precisas para a busca activa de emprego e dotalas das habilidades sociais básicas para mellorar a súa autoestima e motivación persoal.