A secretaria xeral da Igualdade reuniuse coa Federación Galega de Redeiras

A secretaria Xeral da Igualdade, Marta González, recibiu á presidenta da Federación Galega de Redeiras, Rosa Isabel Rodríguez Vidal, e a outros membros da quen lle transmitiu a labor que están facendo na formación das mulleres tanto en materia de igualdade, como a nivel profesional, para lograr mellorar as súas condicións laborais e loitar contra o intrusismo.

A Federación Galega de Redeiras procura analizar as carencias e necesidades formativas actuais co fin de lograr unha formación regrada da profesión, e para iso, realizan cursos de capacitación profesional en diferentes portos Galegos. Ademais, procuran alternativas para  a diversificación da produción e para o incremento da rendibilidade do seu  traballo, o que tamén contribúe a ampliar as posibilidades laborais das asociadas.

A maiores, a federación pretende agora coñecer en profundidade a situación deste traballo do mar noutros países de Europa e do mundo, na procura de prácticas que se podan trasladar e dar solución a parte dos problemas que atopan agora mesmo para o fomento das súas actividades e a pervivencia dos seus coñecementos.

Durante a xuntanza falouse da posibilidade de colaboración entre a Secretaría Xeral e a Federación, a través de diversas liñas de traballo abertas desde o departamento de igualdade.