A secretaria xeral da Igualdade reúnese coa responsable da materia de Ourense para analizar os proxectos en marcha na cidade

Marta González repasou coa concelleira de Igualdade Xuventude, e Voluntariado de Ourense, Marta Arribas, a situación do Centro de Información ás Mulleres e da Casa de acollida de mulleres vítimas de malos tratos.

Multimedia

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, reuniuse hoxe coa concelleira de Igualdade, Xuventude, e Voluntariado de Ourense, Marta Arribas González, no marco dos contactos que a responsable da Igualdade do Goberno galego está a manter cos concellos de Galicia.

Durante a reunión se trataron temas de interese común, como as actuacións e a situación actuais do Centro de Información ás Mulleres de Ourense - cofinanciado dende o Servizo Galego de Igualdade da Xunta de Galicia-, e a Casa de acollida de mulleres vítimas de malos tratos.

A Casa forma parte da Rede Galega de Acollemento, e nace coa finalidade de proporcionar aloxamento inmediato e de curta estancia ás mulleres (e ás súas fillas e fillos) que se atopen inmersas nunha situación de malos tratos, garantíndolles un acollemento de emerxencia mentres se valora a súa situación, se inicia o tratamento ou se efectúa unha derivación a outro dispositivo máis axeitado.

A responsable de Igualdade da Xunta de Galicia e a concelleira de Ourense, comprometéronse a manter unha comunicación periódica para analizar o funcionamento da Casa de Acollida a mulleres vítimas de malos tratos da cidade de Ourense, entre outros asuntos.

A secretaria xeral da Igualdade manifestou a súa vontade de continuar os contactos e o diálogo coas persoas responsables da áreas de Igualdade das distintas entidades municipais de Galicia, co fin de promover a igualdade e traballar pola erradicación da violencia de xénero en todo o territorio galego.