- Galego
- Castellano
A secretaría xeral da Igualdade, Marta González, clausurou o Congreso de Congreso da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais, no que recoñeceu a existencia dunha clara desigualdade entre mulleres e homes, que se reflicte na escasa presenza de mulleres nun ámbito claramente dominado polos homes.
Neste encontro, que comezou o pasado mércores, as asistentes demandaron un maior protagonismo das mulleres e unha igualación do traballo desenvolvido por elas no sector, tanto a nivel económico como de recoñecemento social.
A secretaría xeral da Igualdade corroborou esa realidade, e resaltou que as diferenzas na participación de mulleres e homes teñen a súa orixe en moitos casos na relativamente recente incorporación das mulleres a formación universitaria e profesional, pero tamén porque as mulleres "moi frecuentemente" interrompen a súa carreira profesional por mor da maternidade.
Sen embargo, remarcou, a principal causa da desigualdade está en que "se manteñen os prexuizos e estereotipos que están na base do menor valor concedido ao traballo feminino, tanto desde o punto de vista salarial como, por exemplo, nos premios e recoñecementos conseguidos, onde é evidente a brecha existente entre mulleres e homes".
Unha proba do efecto que ten manter eses prexuízos "ponse claramente de manifesto cando se estuda o diferente papel de mulleres e homes na ficción cinematográfica e no encasillamento nos papeis tradicionais dunhas e outras que aínda se da, e se xustifica, en función do que o mercado demanda", recalcou a secretaria xeral.
Marta González indicou que a "existencia dunha arte feminina, como expresión dunha forma de ser particular das mulleres, na que terían cabida unha maior introspección e unha maior intimidade como rasgos específicos da súa diferenza de xénero", é un tema que suscita amplos debates e no que non existe un consenso xeneralizado, pero que se utiliza moi frecuentemente para "rexeitar a priori as obras creadas por mulleres, tachándoas de románticas, introspectivas e escasamente interesantes, esquecendo que a diversidade enriquece o panorama artístico actual".
A secretaria xeral lembrou que este ano por primeira vez nos 82 da historia dos Oscar unha muller gañou o premio a mellor directora, por unha obra que se caracteriza precisamente por conseguir a atención e o respecto dun sistema e dun público maioritariamente masculino, e desexando que "este feito deixe de ser noticia por ter conseguido un panorama profesional máis igualitario no que as historias sobre mulleres, as voces de mulleres e o traballo desenvolvido polas mulleres teña o mesmo valor co dos homes".
Isto, dixo, demostra que "as historias sobre mulleres, as voces das mulleres, o traballo das mulleres, non vale tanto como o dos homes" por iso, mentres iso siga acontecendo encontros como o de hoxe serán moi importantes xa que axudarán a "establecer pactos e sumar vontades para acabar coas desigualdades que aínda persisten".
Marta González rematou a súa intervención lembrando que tanto o cinema como o audiovisual en xeral axudan "de forma fundamental" na construción da realidade por iso é necesario que "nese espello reflíctese a realidade diversa das mulleres e a súa presenza cada vez máis importante en tódalas esferas da vida como protagonistas do nos presente e futuro".