A Secretaría Xeral da Igualdade presentou o libro "As Voces de Clío: a palabra e a memoria da muller na Galicia"

Marta González, secretaria xeral da Igualdade, presentou hoxe o libro As Voces de Clío: a palabra e a memoria da muller na Galicia, editado polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade, que pretende avanzar na comprensión da realidade das mulleres galegas e no coñecemento da súa historia.

Multimedia

Este libro recolle as presentacións que distintos e distintas especialistas na historia das mulleres fixeron nas xornadas 'Feminino Plural', realizadas en 2007. A obra responde "á preocupación de devolver ás mulleres o lugar que lles corresponde na historia; unha historia da que non foron en xeral protagonistas", indicou Marta González na presentación, onde estivo acompañada polo director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés.

Neste libro, a recuperación do espazo feminino no tempo faise desde a historia en diálogo con outras disciplinas como a antropoloxía, a etnografía, a socioloxía, a lingüística, pero ademais a través da busca de novos temas e puntos de inflexión, o que "proporciona un contexto renovador á ciencia histórica", sinalou a secretaria xeral.

As Voces de Clío: a palabra e a memoria da muller na Galicia foi realizado por seis investigadoras e un investigador, que abordan asuntos como "Muller, matrimonio e aristocracia na Galiza da Alta Idade Media"; "A muller no fantástico popular galego"; "As mulleres na Galicia da Idade Moderna"; "Imaxes de mulleres na literatura galega: Pénelopes de Poetas. Rosalía Penélope, Xohana Penélope e Olga Penélope"; "Viúvas de vivos e mortos: a muller na emigración galega"; "Xénero, economía e traballo" e "Xénero, política e democracia".

Os sete artigos que conforman este libro coinciden no recoñecemento da traxectoria das mulleres na construción da historia común de Galicia e mesmo doutras terras, como queda ben reflectido nos artigos que nos falan da participación das mulleres galegas nos procesos migratorios.

Proxecto con futuro

Marta González manifestou o compromiso da Secretaría Xeral da Igualdade de "impulsar a creación de coñecemento novo nos estudos das mulleres" e, proba diso, indicou que en 2009 se abriu unha liña de financiamento de investigacións e de eventos de difusión do coñecemento para universidades e organismos públicos de investigación, coa que recibiron financiamento un total de 29 proxectos cun importe global de 600.000 euros.

De feito, a segunda parte do proxecto de investigación que se presentou hoxe será financiada a través desa convocatoria, na que o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento -único centro de investigación en humanidades do Consejo Superior de Investigaciones Científicas en Galicia- presentou dous proxectos de investigación.

O primeiro, "Mulleres con poder ao final da Idade Media: colección de documentos", é un proxecto de investigación que pretende engadir novos materiais á reflexión sobre a situación pasada das mulleres en Galicia, sobre as formas de entender o mundo no que viven, sobre a súa vivencia do público e do privado, sobre a posesión dun factor decisivo como é o poder (social, económico ou político), elemento que determinará o mitigamento das trabas que -nos nosos séculos baixomedievais- impuña socialmente a condición biolóxica feminina.

O outro proxecto de investigación, "Cen biografías Peregrinas", pretende crear un completo elenco das mulleres que peregrinaron a Compostela durante a Idade Media e Moderna cuxos nomes e cuxas voces, por unha ou por outra razón, se teñen conservado, permitíndonos ter unha imaxe fidedigna do papel das mulleres nas peregrinacións xacobeas.

"Temos a vontade de continuar alentando, a través da convocatoria destas axudas, a realización dun maior número de investigacións e poder así iluminar aspectos aínda non moi coñecidos do noso pasado, moi especialmente ese lugar silenciado ocupado polas mulleres", rematou a secretaria xeral da Igualdade.