A Secretaria Xeral da Igualdade participou na lectura dun manifesto contra a violencia no Concello do Pino co alumnado do Colexio Camiño de Santiago

O manifesto en contra da violencia foi elaborado por alumnos e alumnas do centro de Educación Infantil e Primaria (CIP) Camiño de Santiago, que participaron no acto organizado polo concello de O Pino, dentro das actividades conmemorativas do 25 de novembro, escribindo "Xuntos pola igualdade" con figuras humanas. A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, participou no acto lembrando que "o 25 de novembro é unha data na que renovamos a nosa obriga de traballar coa máxima eficacia e sensibilidade" para conseguir "a eliminación de todas as formas de violencia que aínda hoxe afectan ás mulleres en todas as sociedades e culturas".

  • A Secretaria Xeral da Igualdade participou na lectura dun manifesto contra a violencia no Concello do Pino co alumnado do Colexio Camiño de Santiago
  • A Secretaria Xeral da Igualdade participou na lectura dun manifesto contra a violencia no Concello do Pino co alumnado do Colexio Camiño de Santiago

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, participou hoxe no Concello de O Pino (A Coruña) na lectura dun manifesto contra a violencia de xénero realizada polos alumnos e alumnas do Centro de Infantil e Primaria (CIP) Camiño de Santiago, de Arca, dentro das actividades que desenvolve este concello para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero.

No acto, no que a secretaria xeral estivo acompañada polo alcalde de O Pino, Manuel Taboada, algúns dos alumnos e alumnas máis miúdos do centro fixeron cos seus corpos no chan a mensaxe "Xuntos pola Igualdade". Despois, dous alumnos e unha alumna do IES Camiño de Santiago leron un manifesto, escrito polos nenos e nenas do centro, no que condenaban a violencia de xénero e avogaban por unha sociedade na que "as xeracións futuras vivan en igualdade" e na que primen "o respeito aos dereitos humanos".

Na súa intervención, Marta González, que felicitou ao concello por esta iniciativa na que participaron de forma moi activa os nenos e as nenas da comarca, lembrou que a data do 25 de novembro "é unha data para homenaxear as vítimas que cada ano se cobra a violencia de xénero" e que este ano en España foi especialmente cruel, con 63 mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, dúas delas en Galicia.

Pero tamén, dixo, "o 25 de novembro é unha data na que renovamos a nosa obriga de traballar coa máxima eficacia e sensibilidade" para conseguir "a eliminación de todas as formas de violencia que aínda hoxe afectan ás mulleres en todas as sociedades e culturas".

Lograr erradicar a violencia de xénero "é un obxectivo prioritario de gobernos e administracións, pero precísase da colaboración e da concienciación da cidadanía para que a igualdade dos seres humanos, mulleres e homes, sexa unha realidade tamén neste ámbito"; por elo, actos como o de O Pino, no que participa a poboación máis miúda, "é unha boa maneira de conmemorar o 25 de novembro", indicou Marta González.

 Marta González rematou a súa intervención lembrando o compromiso do goberno galego nesta loita contra a violencia de xénero, o "apoio ás familias das vítimas" e o seu sincero agradecemento "ao concello de O Pino, a todas as administracións, ás persoas e organizacións, públicas e privadas, comprometidas na eliminación da violencia de xénero".