A secretaria xeral da Igualdade inaugura o VI Encontro Nacional de Mulleres que ten lugar en Panxón

O encontro está organizado pola Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo

López Abella agradeceu o traballo diario do colectivo na loita contra a violencia de xénero

  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta tarde o VI Encontro Nacional de Mulleres
  • A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta tarde o VI Encontro Nacional de Mulleres

Santiago, 3 de outubro de 2014.- A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, inaugurou esta tarde o VI Encontro Nacional de Mulleres que organiza a Rede de Mulleres contra os Malos Tratos de Vigo e que celebra este fin de semana na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

López Abella felicitou ás integrantes da Asociación pola organización deste Encontro Nacional, que comeza hoxe e que se prolongará durante todo o día de mañá e no que se tratarán temas como as migracións, violencias, amores patriarcais, erótica do coidado e a feminización da pobreza.

Ademais, agradeceulle o seu traballo diario, incansable e impagable na loita contra a violencia de xénero, que se centra en catro obxectivos fundamentais, que son a concienciación e prevención da violencia contra as mulleres, a formación en materia de xénero; o apoio, asistencia e acompañamento ás mulleres que sufren violencia de xénero; e a súa reincorporación psico-social.

A Secretaria Xeral destacou que os esforzos que a sociedade no seu conxunto, as asociacións e organismos que diariamente traballan coas vítimas, as forzas e corpos de seguridade, os/as xuíces e funcionarios/as, e mailos gobernos de todas as administracións veñen realizando nos últimos anos, non son esforzos en balde, xa que moitas mulleres teñen conseguido saír desa espiral infame que é a violencia de xénero, e moitas ordes de protección teñen conseguido evitar a perda de moitas vidas.

López Abella incidiu que a folla de ruta do goberno galego na loita contra a violencia de xénero ten varios obxectivos, que son a sensibilización, prevención, denuncia, atención e protección, e reiterou que para acadar estes obxectivos é fundamental a coordinación e a colaboración entre todos os axentes implicados, coma son as Administracións públicas, poder xudicial, forzas e corpos de seguridade, entidades e a sociedade no seu conxunto.