A Secretaría Xeral da Igualdade estudará a súa participación nos cursos de verán de Lalín

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, reuniuse coa concelleira de Servizos Sociais, Escolas Infantís, Igualdade, Emigración e Muller do Concello de Lalín, Mª Paz Pérez Asorey, para coñecer de primeira man as actuacións e as necesidades deste concello e valorar as actuacións do Centro de Información as Mulleres (CIMs) de Lalín.

Multimedia

A concelleira de Lalín presentoulle a responsable de igualdade os seus proxectos e as súas liñas de actuación en materia de igualdade e atención as mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais valoraron as actuación realizadas dende o CIMs de Lalín.

Pérez Asorey presentoulle a secretaria xeral da Igualdade o proxecto dos cursos sobre igualdade que se desenvolven na Universidade de Verán do concello, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela. Marta González mostrou a súa boa disposición e comprometeuse a valorar a participación nos mesmos da Secretaría Xeral da Igualdade.

Estes cursos, que están moi consolidades e contan con unha importante participación, teñen entre os seus obxectivos:

  • Facilitar o encontro de profesionais dos distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades, favorecendo o intercambio de experiencias e o apoio mutuo.
  • Promover a participación e a integración entre os centros de formación, as empresas e a comunidade a fin de desenvolver accións que permitan resolver os problemas que os afectan.
  • Establecer novas pautas e hábitos socioculturais.
  • Coñecer a situación en canto aos recursos e ferramentas existentes no territorio cara a igualdade de oportunidades, conciliación, dependencia, flexibilización do uso dos tempos, etc.
  • Comprender a importancia da sensibilización para promover o cambio de mentalidades, actitudes e prácticas en relación coa igualdade de oportunidades e a conciliación da vida laboral, familiar e persoal.

Os CIMs e a Mesa de Coordinación

A responsable de Igualdade do Concello de Lalín, tamén trasladoulle os datos do CIM de Lalín dos últimos meses. Durante o presente ano, ese centro rexistrou 14 altas no servizo de teleasistencia móbil para mulleres vítimas de violencia. Ademais informou de que sete mulleres vítimas de violencia de xénero incorporáronse ao programa municipal de emprego.

A concelleira de Igualdade tamén presentoulle outros proxectos que están levando a cabo no concello como a recentemente constituída Mesa de Coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero.

Pérez Asorey explicoulle que o obxectivo desta mesa é abordar de forma integral todos os axentes potenciais que interveñen neste ámbito e para iso búscase a cooperación entre todas as institucións, para optimizar os recursos e a atención as vítimas. Outro dos proxectos é o mapa municipal de recursos nesta materia; unha publicación que pretende facilitar información aos profesionais sobre os recursos existentes no municipio sobre esta materia.