A Secretaría Xeral da Igualdade destina este ano 665.000 euros a incentivar o emprendemento feminino

A través do programa Emega, cuxa convocatoria anual foi publicada onte no DOG, as emprendedoras poden obter axudas de ata 30.000 euros

Galicia está entre as cinco comunidades autónomas españolas con máis empresariado feminino, só por detrás de Cataluña, Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana

  • A Secretaría Xeral da Igualdade destina este ano  665.000 euros a incentivar o emprendemento feminino
  • A Secretaría Xeral da Igualdade destina este ano  665.000 euros a incentivar o emprendemento feminino

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2012.- As mulleres manteñen de forma máis constante a actividade emprendedora na actual conxuntura de crise e lideran a creación de negocios de xeito que, no conxunto de Estaña, mentres que os homes cotizantes ao Réxime de Traballadores Autónomos, RETA, descenderon nos últimos 5 anos en casi un 2,1%, as mulleres autónomas incrementaronse nun 7%. Esta tendencia sitúa a Galicia entre as cinco comunidades autónomas españolas con máis empresariado feminino, somentes por detrás de Cataluña, Andalucía, Madrid e a Comunidade Valenciana.

Estes datos foron expostos hoxe pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, para por de relevo o carácter estratéxico para a economía de Galicia de "desenvolver políticas públicas que creen as condicións axeitadas e favorezan as iniciativas empresariais lideradas por mulleres", durante a rolda de prensa de presentación do programa Emega de fomento ao emprendemento feminino. Destacou asemade que, segundo indican informes do Banco Mundial da Muller, as empresas lideradas por mulleres sortean mellor a crise e duran un 30 % máis que as creadas por homes.

O programa Emega, cuxa convocatoria anual foi publicada onte no DOG, conta cunha dotación económica para este exercicio de 665.000 euros, que establece axudas estruturadas en catro tipoloxías, denominadas emprende, innova, activa e concilia. A liña emprende está pensada para estimular a posta en marcha de iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino por conta propia e allea; innova para promover a realización de melloras innovadoras nas empresas lideradas por mulleres que conleven a creación de emprego feminino e activa para favorecer a reactivación e consolidación de empresas mediante a renovación, relanzamento, ampliación ou cambio de localización da actividade

A liña concilia supón a principal novidade na convocatoria deste ano e está dirixida ás empresas nas que mediante acordos, convenios ou contratos de teletraballo, se implementen novos sistemas de organización que conleven flexibilidade no uso dos tempos e ás empresas perceptoras das liñas emprende, innova ou activa nas que haxa promotoras con fillos ou fillas menores de tres anos, ao obxecto de favorecer o exercicio profesional coa maternidade en idades temperás.

Contía das axudas

As persoas interesadas dispoñen dun mes de prazo para presentar as súas solicitudes a esta convocatoria de axudas, cuxa contía oscila en función dos postos de traballo creados e a natureza das medidas adoptadas, ata sumar un tope de 30.000 euros por empresa beneficiaria.

Na convocatoria de 2011, o programa Emega fixo posible a creación de 82 novos proxectos empresariais liderados por mulleres, deles 38 na provincia de Pontevedra, 29 na de Coruña, 12 na de Ourense e 3 na de Lugo.

O perfil das emprendedoras

Na presentación do Emega, Susana López Abella describíu o perfil das emprendedoras en Galicia, poñendo énfase no seu nivel de formación, xa que case a metade ten estudos universitarios e é habitual que teñan formación específica para emprender. Amais, as mulleres amosan unha mellor disposición a percibir oportunidades para emprender, cun 38% sobre o 26% para os varóns e unha maior confianza nas súas capacidades, nunha porcentaxe do 91% fronte ao 86% dos homes. Tamén teñen maiores expectativas de creación de emprego e un menor temor ao fracaso, un 20% fronte ao 31% dos homes.