A secretaria xeral da Igualdade destaca a intención de apoiar ás asociacións de mulleres que apostan pola formación e información

A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, destacou hoxe a intención da Xunta de apoiar ás asociacións de mulleres que apostan pola formación e información, implicándose na eliminación das discriminacións. Así o afirmou no marco da inauguración da xornada A promoción de empresas innovadoras e creación de emprego para a muller rural, que organiza AFAMMER.

Nesta xornada tamén estiveron presentes Mª del Pilar Iglesias Osorio, presidenta de AFAMMER Galicia, e Elita Hermida Alemparte, presidenta da asociación en Ourense.

Na súa intervención, Marta González salientou que a Xunta de Galicia está a traballar na detección e no fomento de novas actividades económicas que permitan a transformación e o avance do rural, especialmente no que se refire a oportunidades de emprego e autoemprego. Así, son especialmente as mulleres e ás persoas máis novas as que teñen unha enorme potencialidade para desenvolver proxectos innovadores que aproveiten os recursos infrautilizados e xeren riqueza, consolidando o benestar no ámbito rural. O Goberno galego favorece o xurdimento e desenvolvemento destes novos proxectos dun xeito integral, favorecendo as axudas para a creación e consolidación empresarial, e apoiando a formación de persoas emprendedoras. Desde a área de Igualdade, apóianse especificamente os proxectos empresariais de mulleres, tanto para a súa posta en marcha como para a súa consolidación.

Romper as barreiras para fomentar a participación

A responsable de Igualdade da Xunta de Galicia destacou o papel que están a xogar as asociacións de mulleres rural, xa que é fundamental a implicación destas para romper as barreiras existentes, facilitando a participación das mulleres rurais nos asuntos públicos, ao darlles voz para que poidan dar conta de primeira man das necesidades e oportunidades das mulleres no mundo rural.

A xornada, celebrada hoxe no Carballiño, contou coa participación de máis de 150 mulleres, que atoparon nesta iniciativa un recurso para a formarse e informarse sobre as posibilidades de desenvolver un proxecto empresarial.