A secretaria xeral da Igualdade clausurará a semana que vén uns módulos de igualdade organizados polo concello da Rúa

Susana López Abella reuniuse co rexedor da Rúa, Avelino García, para coñecer de primeira man algunhas iniciativas do concello ourensán en materia de igualdade

Multimedia

Susana López Abella na reunión co alcalde da Rúa

Santiago, 7 de abril de 2013. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde da Rúa (Ourense), Avelino García Ferragal, no que lle confirmou a súa presenza a semana que vén na clausura duns módulos de igualdade que o concello está a desenvolver desde o mes de marzo.

O rexedor acudiu a San Lázaro acompañado pola concelleira María Teresa Varela Ancochea, co obxectivo de presentarlle á secretaria xeral o balance de diversas actuacións que o concello levou a cabo o pasado mes a prol da igualdade de oportunidades e da loita contra a violencia de xénero.

Entre estas actividades atópanse tres módulos de igualdade, dous de electricidade e fontanería, respectivamente, dirixidos a mulleres ;e un terceiro de prancha para os homes da Rúa, que contaron cun número importante de participantes.

A maiores destes módulos, tamén repasaron iniciativas como a elección do debuxo “A Igualdade e a Muller a través da da mirada dos seus fillos/as”, realizado polos alumnos/as de infantil dos colexios Manuel Respino e Pablo VI o pasado 1 de marzo; unha charla sobre “Detección precoz do cancro de mama e hábitos saudables para a prevención doutros cancros na muller”, do 6 de marzo e na que colaborou o Hospital Comarcal de Valdeorras; ou outro coloquio sobre Igualdade do día 12, en colaboración coa Cruz Vermella.

García Ferragal explicoulle a López Abella que o día 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, o concello acolleu unha charla sobre violencia de xénero, que contou coa participación da Garda Civil, e obradoiros no colexio Pablo VI e no IES Cosme López, dirixidos aos alumnos/as de 3º e 4º da ESO, co obxectivo de promover que a xuventude solucione os seus conflitos dun modo positivo e fomentar as relacións de apoio entre iguais.

Tema: