A Secretaría da Igualdade financia 34 proxectos, investigacións e cursos das universidades de Galicia con 284.000 euros

Forman parte dunha partida total de 460.000 euros do departamento para programas sobre igualdade no ámbito universitario, que inclúen tamén 91.000 euros para centros ou oficinas de estudos de xénero e 85.000 para organismos públicos de investigación.

Santiago, 21 de xuño de 2011.- As universidades de Santiago, A Coruña e Vigo van desenvolver este ano un conxunto de 34 iniciativas relacionadas coa perspectiva de xénero, para o que contarán cunhas axudas de 284.000 euros da Secretaría Xeral da Igualdade. Esta contía forma parte da liña de apoio do departamento á execución de programas sobre igualdade no sistema universitario galego e nos organismos públicos de investigación –OPIs- dotada este ano cun total de 460.000 euros, que inclúe tamén 91.000 euros para o funcionamento de centros ou oficinas de xénero e 85.000 para organismos públicos de investigación.

A partida máis importante, os 284.000 euros, vai permitir ás universidades desenvolver iniciativas en dous ámbitos, por unha parte, a realización de cursos de posgrao, conferencias, xornadas e actividades relacionadas coa temática e, por outra, a realización de estudos e investigacións sobre cuestións de xénero ou que integren unha perspectiva de xénero.

No primeiro ámbito, as universidades teñen programados 18 proxectos, entre os que destacan cursos de verán da USC, UDC e UVigo; accións do Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades da USC; un proxecto para a visibilización das obras artísticas das alumnas da Facultade de Belas Artes de UVigo; ou un congreso sobre a prostitución organizado pola UDC. No segundo eido, as tres universidades desenvolverán 16 proxectos coa colaboración de Igualdade, nos que se inclúen investigacións sobre a feminización da universidade ou sobre os axustes entre traballo e familia na responsabilidade social corporativa.

A segunda contía en importancia, a de 91.000 euros, está dirixida ao mantemento do Centro de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero -CIFEX-, da oficina do Programa Woman Emprende e da Unidade de Xénero do Centro de Estudos Gumersindo Busto, todos eles da USC. E, por último, as axudas complétanse con outros 85.000 euros a organismos públicos de investigación, para proxectos do Instituto de Estudios Padre Sarmiento, a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e o Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Feitos vitais: