"Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero

A campaña audiovisual recolle unha escea da película 'Te doy mis ojos' de Icíar Bollaín, co actor galego Luis Tosar, que fai fincapé nas etapas temperás dos malos tratos, cando é posible detectalo, poñendo de relevo ademais o maltrato sobre os menores, vítimas indirectas desa violencia no seo da parella. Exposicións, congresos, foros entorno á violencia de xénero en diferentes eidos como a literatura, a educación, os cómics, o deporte ou a arte, así como a sinatura de diferentes convenios para fomentar o apoio e recuperación das vítimas, son algunhas das actiuacións desenvolvidas en torno á data do 25 de novembro.

  •  "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero
  •  "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero
  •  "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero
  •  "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero
  •  "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero
  •  "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo", é a campaña da Xunta contra a Violencia de xénero

"Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo" é o lema da campaña institucional da Secretaría Xeral da Igualdade para o próximo 25 de Novembro, Día Internacional para a eliminación da Violencia contra as Mulleres.

En rolda de prensa, a secretaria xeral da Igualdade, Marta González, explicou que a eliminación da violencia contra as mulleres "é un dos obxectivos máis importantes das políticas de igualdade da Xunta de Galicia”" e por iso, a crise económica "non supón unha modificación da intensidade coa que se trata de sensibilizar á poboación sobre a necesidade de rexeitar con contundencia a violencia".

Sen embargo, explicou a responsable de igualdade, a campaña deste ano, no que á produción audiovisual se refire, "é unha campaña austera" centrándose o esforzo económico na súa difusión, en que "a mensaxe chegue á poboación, tanto ás vítimas para que denuncien a súa situación, como á toda a sociedade, para que as axuden a denunciar ou para que cada un de nós denuncie calquera situación de maltrato que coñezamos".

A campaña audiovisual deste ano utiliza un fragmento da película Te doy mis ojos, de Icíar Bollaín, co actor galego Luis Tosar, que reflicte o problema da violencia de xénero dun xeito real e tremendamente claro. A escena elixida fai fincapé nas etapas temperás dos malos tratos, cando é posible detectalos; e pon de relevo ademais o maltrato sobre os menores, vítimas indirectas desa violencia no seo da parella.

"Queremos que as xeracións máis novas volvan ver a película e tomen conciencia deste grave problema, aprendendo a detectar síntomas e a pór solución ás situacións de maltrato", indicou González.

O obxectivo da campaña, dixo, "é xerar unha reflexión social, a través dunha pregunta: "Se alguén te trata mal, maltrátate?", para a que temos unha resposta moi clara: Se te trata mal, maltrátate, aínda naqueles casos nos que non se da unha agresión física, como é o caso da escea da película que foi elixida para o spot televisivo.

Por outra banda, a parte gráfica da campaña é unha mensaxe clara e directa, sen adornos, que foi realizada por unha empresa galega, liderada por mulleres e que forma parte do tecido empresarial galego. A maiores, empresas de economía social participaron no desenvolvemento dos materiais publicitarios.

Difusión

A difusión da campaña realizarase a través das principais emisoras de radio e xornais da comunidade autónoma. Ademais, dende hoxe distribuiranse por toda Galicia 30.000 cartelóns publicitarios co lema da campaña, que terá presenza en vallas publicitarias de gran tamaño nas cidades de A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, e autobuses urbanos desas mesmas cidades estarán rotulados co lema "Se te trata mal, maltrátate. Podemos axudarche a superar o teu medo".

O spot audiovisual será emitido pola TVG durante este mes de novembro e o de decembro; ademais, proxectarase, durante a semana entre o 19 e o 25 de novembro,  en máis de 100 salas comerciais de cinema de Galicia, así como nas proxeccións que se realicen no Festival Cineuropa que se está a celebrar en Santiago de Compostela.

Noutro eido, pancartas co lema da campaña serán despregadas en dous eventos deportivos, o sábado 27. Será unha manifestación do rexeitamento do mundo do deporte á violencia de xénero. En particular, no partido de fútbol sala entre o Azkar de Lugo e o GESTESA Guadalajara, e no partido de baloncesto feminino entre o Real Club Celta Indepo e o Salamanca.

Na rolda de prensa de hoxe estivo presente o xerente do Azkar de Lugo Fútbol Sala e da Fundación Azkar de Lugo, Oscar Hermida, quen destacou o compromiso do club lucense contra a violencia de xénero. "Un grave problema social que nos afecta a todos e por iso é preciso concienciar a toda a poboación sobre a importancia de rexeitala; para eloo deporte é unha boa ferramenta", sinalou.

Actividades conmemorativas


Pero ademais da campaña institucional, durante os próximos días, a Secretaría Xeral da Igualdade realizará diversos actos en torno ao Día Internacional para a eliminación da Violencia de Xénero, que xiran entorno a tres áreas: a sensibilización de toda a poboación, mulleres e homes, e na concienciación da necesidade de denuncia; a educación das xeracións máis novas, en valores como a igualdade entre mulleres e homes, para previr a violencia; e na atención ás vítimas e na súa recuperación física, psicolóxica e social.

O primeiro deses actos realizase mañá coa sinatura de convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Igualdade e a Fundación Preescolar Na Casa, para o desenvolvemento dun programa de información e sensibilización no ámbito da igualdade e da prevención da violencia de xénero dirixido a nenos e nenas  de 0 a 6 anos, atendendo ás circunstancias específicas da poboación infantil rural de Galicia.

Tamén nesta semana realizase o 12º Foro Galego de Educación en Igualdade: "Por outra mirada: o papel social do ensino e os medios de comunicación fronte á violencia de xénero". Este foro, que reunirá a 300 docentes de Galicia, reflexionará sobre a relación entre educación e medios de comunicación no que se refire á violencia de xénero, á dicotomía entre as mensaxes enviadas en torno aos nosos nenos e nenas e adolescentes, e sobre a axeitada utilización dos medios como aliados esenciais do proceso educativo sobre a igualdade e a prevención da violencia de xénero.

Na próxima semana, comeza en Santiago o I Congreso sobre Literatura e Violencia de Xénero. "DE MISS MARPLE A LISBETH SALANDER", ao que asistiran escritoras como Angeles Caso, Luisa Castro, Susana Fortes, Fina Casalderrey, Nativel Preciado ou Marilar Aleixandre, e escritores como Javier Reverte ou Xosé Carlos Caneiro, entre outros.

O propio día 25, o Consello da Xunta realizará unha declaración institucional en contra da violencia de xénero, e pola tarde o Presidente do goberno galego inaugurará en Pontevedra a exposición que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade, en colaboración coa Fundación RAC, "As que comen silencios, as que toman a palabra; Vivir sen violencia", con pezas das artistas Shirin Neshat, Marta Fariña, Eulalia Valldosera, Helena Almeida, Jane Simpson, Carmen Calvo, Amaya González Reyes, Mona Hatoum, Guenda Herrera, Regina José Galindo, Aino Kannisto, Itziar Ezquieta, Priscilla Monge e Susy Gómez.

Esta mostra é unha reflexión sobre a violencia contra as mulleres como un fenómeno secular sobre o que hai que tomar conciencia, e sobre a capacidade da arte contemporánea realizada por mulleres de dar voz a aquelas que moitas veces calan sobre a súa situación.

Ao día seguinte, inaugúrase, no Instituto de Ensino Secundario Rosalía de Castro de Santiago, a exposición "Cartas de Amor", unha mostra do cómic galego sobre a violencia de xénero, con dibuxos de autores de sona no comic galego, como Miguel Calatayud, Patricia Castelao, Fausto Isorna, José Luís Méndez, Jack Mircala ou Javier Olivares. Esta exposición farase itinerante polos centros educativos galegos que desexen expola a partir do vindeiro mes de decembro.

Tamén nestes días asinarase un convenio coa Consellería de Traballo e Benestar, e o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para a transferencia do orzamento e o comezo inmediato das obras do futuro Centro de Recuperación Integral para vítimas de violencia de xénero da nosa comunidade autónoma, que terá a súa sede en Santiago de Compostela.