Román Rodríguez sinala o sistema educativo galego como un modelo de equidade e aposta por reforzar a conexión da FP cos sectores produtivos

O conselleiro de Cultura e Educación compareceu hoxe no Parlamento para facer balance do inicio do curso escolar

Salvagardar a convivencia nas aulas, unha das prioridades do seu departamento

Ademais, salientou o éxito do plurilingüismo e da estratexia de ensino dixital

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2017.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para facer balance do inicio do curso 2017/18, do que salientou o confirmado éxito das ensinanzas de Formación Profesional, que contan xa con máis de 51.000 matriculados. Neste sentido, explicou que o seu departamento está a traballar para reforzar os vencellos entre estas ensinanzas e os diferentes sectores produtivos.

Para acadar este resultado, Román Rodríguez sinalou que o seu departamento está a traballar nunha estratexia de FP fundamentada en medidas como o deseño dunha oferta adaptada á contorna e o achegamento e apoio á empresa; a innovación, e a internacionalización; a potenciación da Rede dos Centros Integrados de FP (CIFP); a xeneralización da FP Dual, a orientación profesional e o fomento da calidade; a innovación e o emprendemento.

O conselleiro insistiu na importancia que ten que a FP sexa unha oportunidade de conexión entre o mundo educativo e o mundo produtivo, posto que isto redunda nunha maior facilidade para que o seu alumnado acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos. En calquera caso, lembrou que o seu departamento ten desenvolvido xa importantes actuacións para acadar este fin, tales como a adaptación de máis de 100 ciclos ao desenvolvemento do tecido social e económico de Galicia e ás súas necesidades, a consolidación dunha rede de viveiros de empresa en centros educativos que ofrecen a oportunidade de crear os seus propios negocios aos mozos e mozas, e a implantación das linguas estranxeiras na FP de xeito progresivo.

Fomento da igualdade

Outro dos aspectos nos que o sistema educativo galego está a dar importantes pasos cara adiante é a mellora da convivencia nas aulas. Neste sentido, o conselleiro explicou que o seu departamento vai realizar no primeiro trimestre do 2018 a segunda edición do macrocuestionario para testar a situación da convivencia no ensino galego, que ten como finalidade actualizar os datos neste eido. O previsto é establecer unha periodicidade bianual desta enquisa, o que permitirá tomar o pulso do clima nas aulas de xeito continuado no tempo e coñecer a súa evolución.

Esta ferramenta servirá, ademais, para facer unha diagnose da situación da coeducación e a loita contra a violencia de xénero. Neste ámbito, o sistema educativo galego conta con recursos como as actuacións recollidas no I Plan de Igualdade nos centros educativos e vai ter á súa disposición un Protocolo Educativo fronte á violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, que se elaborará nun horizonte inmediato. Asemade, como desenvolvemento do devandito Plan, activarase un novo Portal de igualdade, que incluirá recursos e orientacións para fomentar a coeducación nos centros.

A maiores, a través do Plan de Formación do Profesorado, os docentes disporán dun módulo específico en liña sobre convivencia, igualdade e inclusión.

Recursos para a convivencia

Outra das iniciativas que se desenvolverán desde a Consellería para a mellora da convivencia escolar será a reactivación das Escolas de Nais e Pais como foros de debate, información e creación de marcos de acción común arredor da educación onde as familias teñen o protagonismo.

Neste caso, ofrecerase a infraestrutura necesaria a través dos Centros de Formación e Recursos (CFR) e habilitarase unha ferramenta tecnolóxica a modo de repositorio de materiais. Asemade, proporase un catálogo de debates arredor dos temas que se podan considerar de interese neste ámbito.

Inclusión

A inclusión de todo o alumnado, sexan cal sexan as súas capacidades, é outro dos elementos fundamentais para acadar un bo clima nos centros. Neste senso, o sistema educativo galego é un exemplo, co 91,9% do alumnado con necesidades educativas específicas (NEE) escolarizado en centros ordinarios, segundo os datos do Ministerio do ramo. Ademais, un de cada dez profesionais do ensino en Galicia son especialistas en atención á diversidade.

Para continuar nesta senda, a Consellería vai activar, baixo a iniciativa Biblioteca Inclusiva, varias accións encamiñadas a que as bibliotecas escolares conten con recursos adaptados para dar resposta aos estudantes con NEE; no marco do modelo que o Plan LÍA 2016-2020 impulsa para estes espazos.

Igualdade de oportunidades e modelo plurilingüe

Román Rodríguez explicou que as accións da Consellería teñen como obxectivo garantir a igualdade de oportunidades para todo o alumnado, independentemente da súa orixe, capacidades ou nivel económico. Neste sentido lembrou o fito marcado polo plurilingüismo no sistema educativo en Galicia, con 322 centros plurilingües, 4145 seccións bilingües e 550 auxiliares de conversa.

Así mesmo, o conselleiro explicou que a iniciativa se está a consolidar a través da Estratexia galega de linguas estranxeiras 2020, EDUlingüe, cuxo obxectivo fundamental é estender o plurilingüismo a todas as etapas educativas e facilitar que o alumnado poda acreditar o seu nivel de lingua estranxeira ao final de etapa.

Ensino dixital

Ademais, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou que se está a impulsar unha nova estratexia de ensino dixital e tecnolóxico, Edudixital, con accións orientadas á dotación de equipamentos que permitan aulas nas que se pode impartir formación dixital co emprego de contidos e mesmo do libro electrónico; e ao reforzo da competencia científico-tecnolóxica.

De feito, xa son 154 centros e 12.000 alumnos os que empregan o libro dixital, cun plan de formación paralelo para os docentes. Ademais, introducíronse kits de robótica nos centros de primaria, completando o equipamento distribuído o curso anterior para os de secundaria.

Asemade, puxéronse en marcha materias de libre configuración como Programación, Robótica ou Identidade Dixital, así como outras acción –Clubs de Ciencia, Semana STEM...- co obxectivo específico e tecnolóxico do alumnado.

Normalidade nun complexo sistema

Román Rodríguez quixo incidir na normalidade coa que se iniciou o curso escolar, unha vez máis en Galicia. A este respecto sinalou a complexidade de poñer en marcha unha rede de máis de 1380 centros educativos –dos que 8 de cada 10 son públicos-, cun programa de Gratuidade Solidaria para libros de texto que chega a máis de 137.000 alumnos, con máis de 89.800 estudantes transportados, con preto de 75.000 usuarios de comedores escolares e cun cadro de persoal docente que se aproxima aos 30.300 profesionais e que se vai continuar consolidando a través da oferta de emprego público que se convoque no 2018.

O conselleiro sinalou o galego como un sistema educativo moderno, que fomenta a equidade e a igualdade de oportunidade e que involucra a toda a comunidade educativa na consecución dun ensino sostible e de calidade. “Centros educativos, profesores, alumnos e familias están implicados no desenvolvemento de iniciativas innovadoras propias, pero tamén participan e queren sumarse a aqueles que parten da propia Consellería”, dixo.

Tema: