Quiroga acolle un obradoiro teatral para fomentar que os avós galegos eduquen en igualdade aos seus netos e netas

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, asistiu á representación da obra “Avós, nunca é tarde”

A iniciativa enmarcase no Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013 e desenvólvese a través do proxecto transnacional ‘Eles tamén’

Quiroga, 27 de decembro de 2013. A localidade luguesa de Quiroga acolleu esta tarde a obra de teatro “Avós, nunca é tarde”, a cuxa representación asistiu a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella. Esta peza, incluída no Plan Galego de Persoas Maiores 2010-2013, é unha iniciativa pioneira para que as persoas maiores sexan transmisoras dos valores da igualdade entre os seus netos e netas menores.

“Avós, nunca é tarde” trata da loita da filla dunha familia moi tradicional por conseguir que a vida no seu fogar sexa máis xusta e igualitaria. O obxectivo é utilizar o teatro como medio de intervención; transformación da realidade e conciencia social para a ruptura dos estereotipos de xénero, a partires da reflexión individual das persoas maiores que exercen labores de coidado e atención de menores.

Esta peza teatral forma parte do proxecto transnacional ‘Eles tamén’, impulsado por Galicia –a través da Vicepresidencia da Xunta-, en colaboración con Castela León e Portugal.

No marco desta iniciativa, ademais de Quiroga, a Secretaría Xeral da Igualdade xa levou a cabo outros tres obradoiros (en Verín, en Vila de Cruces e en Padrón) coa colaboración das entidades locais participantes e nos que interveñen homes e mulleres con idades comprendidas entre os 45 e os 75 anos. Trátase de arredor de 45 horas distribuídas en 15 sesións e nel abórdanse contidos coma a corresponsabilidade, a educación non sexista, o uso de tempos e espazos, os estereotipos de xénero ou a distribución sexual dos traballos.

Tema: