A provincia de Pontevedra concentra o 43% das axudas económicas e o 36% das ordes de protección a vítimas de violencia de xénero

Na presentación do balance anual de violencia de xénero na provincia de Pontevedra, a secretaria xeral da Igualdade fixo un chamamento á confianza das vítimas na superación do ciclo da violencia e reiterou a necesidade de presentar denuncia para por en marcha os protocolos de protección e axuda

  • A provincia de Pontevedra concentra o 43% das axudas económicas e o 36% das ordes de protección a vítimas de violencia de xénero
  • A provincia de Pontevedra concentra o 43% das axudas económicas e o 36% das ordes de protección a vítimas de violencia de xénero

Pontevedra, 12 de abril de 2012.- Sobre o total de Galicia, o 43% das axudas económicas e o 36% das ordes de protección a vítimas de violencia de xénero comunicadas polos xulgados o pasado ano corresponden a mulleres residentes na provincia de Pontevedra. En termos absolutos, contabilízanse 489 mulleres con ordes de protección e medidas cautelares, 123 con sistemas de telelocalización, 131 perceptoras de axudas económicas, 118 persoas en programas de atención psicolóxica, 63 en cursos de autoprotección e 9 agresores controlados por medios telemáticos. Estes son algúns dos datos da incidencia da violencia de xénero na provincia de Pontevedra en 2011, que foron presentados esta mañá na Delegación territorial da Xunta pola secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acompañada polo delegado, José Manuel Cores Tourís.

Do conxunto de 1.348 ordes de protección e medidas cautelares comunicadas o pasado ano polos xulgados de Galicia, 489 son mulleres residentes en Pontevedra, é decir, un 36%. Delas, a finais de outubro había 123 usuarias do sistema de telelocalización, segundo datos facilitados a esa data polo Ministerio de Sanidad, Servicios Sociales e Igualdad do que depende este servizo, que asegura ás vítimas unha atención inmediata e a distancia, as 24 horas dos 365 días, en calquera lugar no que se atopen.

Sobre o número de denuncias, a falta dos datos do cuarto trimestre e da súa distribución por provincias, o CGPJ contabiliza en Galicia 4.102 presentadas ata finais de setembro, un 3,9% das rexistradas no conxunto de España, se ben 240 renunciaron ao proceso. Entre as denunciantes, non figuraban as tres mulleres -de 19, 38 e 39 anos- que o pasado ano perderon a vida en Galicia a mans das súas parellas ou exparellas, sen ter denunciado a súa situación. Unha delas tiña a súa residencia na provincia de Pontevedra.

Susana López Abella reiterou durante o acto informativo a necesidade de presentar denuncia para por en marcha os protocolos de protección e fixo unha chamada ás vítimas para que teñan confianza en que é posible saír do círculo da violencia, “as administracións, dixo, temos os recursos económicos e humanos e a infraestrutura de acollemento necesaria para axudar a superar a situación”.

Axudas económicas

Do total de 300 vítimas que percibiron o pasado ano en Galicia as axudas económicas nas tres modalidades establecidas por Igualdade, 131 corresponden a esta provincia, representando o 43% das perceptoras. Delas 107 obtiveron as axudas na modalidade de pagamentos mensuais que oscilan entre os 300 e os 800 euros, e as 24 restantes percibiron a axuda nun pagamento único, por acreditar insuficiencia de recursos e unhas especiais dificultades para obter un emprego.

Atención psicolóxica

No programa de atención psicolóxica, que é outra das grandes liñas de acción dirixida á recuperación tanto das mulleres como dos seus fillos e fillas menores, participaron en Galicia 533 persoas. Delas son residentes na provincia un grupo de 118, formado por 68 mulleres, 48 menores e dúas persoas con dependencia.

No programa Abramos o círculo, para homes con conductas inadecuadas nas relacións de parella, o 50% dos 69 participantes en Galicia eran residentes na provincia pontevedresa.

Unha xestión axeitada da situación de risco

Na presentación do balance, Susana López Abella destacou o valor cualitativo dos cursos de autoprotección que organiza a Secretaría Xeral da Igualdade para que as vítimas aprendan destrezas e habilidades para xestionar axeitadamente as situacións de risco por violencia e como actuar se hai menores diante. O pasado ano celebráronse 11 cursos, dos que catro tiveron lugar en Vigo, Cangas, Moaña e Ponteareas con asistencia de 63 mulleres.

A titular de Igualdade da Xunta de Galicia apuntou tamén que un 74% das persoas residentes no Centro de Emerxencias para mulleres e menores vítimas de violencia de xénero, ubicado en Vigo, procedían de Pontevedra. E completou o balance anual con datos das certificacións que se emitiron en Galicia aos efectos da incorporación das vítimas ao programa de inserción laboral, das que 123 das 314 totais eran de Pontevedra, así como 140 dos 289 informes emitidos aos efectos da concesión de vivenda de aluguer.

Os datos presentados hoxe en Pontevedra forman parte do Informe anual 2011 de Violencia de Xénero da Secretaría Xeral das Igualdade, que realiza un balance exhaustivo da súa incidencia durante o pasado ano e do conxunto de actuacións da Administración autonómica para a protección das vítimas e a mellora da súa recuperación física, psicolóxica e social.